Deputación de Lugo

A campaña de apoio á candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade chega a Taboada tras superar as 4.000 sinaturas en só un mes

Pilar García Porto e Ramiro Moure recibiron ó autobús da campaña á súa chegada á Alameda da localidade onde permanecerá ata o martes 5 de novembroTodos os que desexen apoiar á candidatura poderán asinar no Libro Oficial da UNESCO de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, atopando máis información e material promocional da campaña

A campaña de apoio á candidatura da Riberia Sacra a Patrimonio da Humanidade cumpre o vindeiro día 8 de novembro un mes dende a súa posta en marcha, tempo no que acadou un claro apoio popular, superando as 4.000 sinaturas nas localidades que leva visitado polo momento o autobús promocional. Veciños e visitantes de Lugo, Monforte de Lemos, Ribas de Sil e Chantada, materializaron a positiva resposta que agardaban os responsables da Deputación de Lugo tras o arranque da campaña o pasado 8 de outubro e que, seguramente, continuará nos días nos que o autobús permanecerá en Taboada, onde chegou este martes.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o Alcalde taboadense, Ramiro Moure, foron os encargados de recibir ó autobús á súa chegada á Alameda da localidade, ocasión aproveitada por García Porto para agradecer a todos os que ata o de agora quixeron manifestar o seu apoio á Ribeira Sacra. “Estabamos convencidos dende o principio que os lucenses respostarían deste xeito, porque saben que a Ribeira Sacra merece, cando menos, esa candidatura e que esta é unha oportunidade única para toda a provincia ”

O autobús rotulado da campaña permanecerá hoxe e mañá na Alameda de Taboada, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, para que todos os que o desexen poidan asinar no libro oficial da UNESCO. Ademais de deixar a súa sinatura poderán atopar material promocional da campaña e información sobre as terras da Ribeira Sacra.

Protocolo de colaboración

Precisamente a pasada semana, o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega ó seu homólogo na Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, o protocolo de colaboración que a institución provincial luguesa redactou e que recolle o compromiso de impulsar de xeito conxunto a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Este convenio será remitido proximamente ós 21 Concellos -13 de Lugo e 8 de Ourense-, que conforman as terras da Ribeira Sacra.

Gómez Besteiro cumpre, deste xeito, co compromiso que asumiu no seu discurso de investidura no ano 2011, no que o impulso a esta candidatura era unha das liñas programáticas do Goberno Provincial; e co que adquiriu durante o encontro que ambos titulares provinciais mantiveron o pasado 7 de outubro en Monforte de Lemos, no que concretaron a folla de ruta para acadar a declaración oficial deste espazo natural, que comparten as provincias de Lugo e Ourense.