Deputación de Lugo

Lara Méndez recibe a un grupo de 51 alumnos e profesores alemáns que están de intercambio co IES Sanxillao

A Vicepresidenta Segunda deulles a benvida a Lugo e felicitou ós responsables desta iniciativa, que permite ós rapaces coñecer a provincia, “da que seguro levarán unha inmellorable impresión”Méndez destacou o enriquecemento persoal e formativo para os estudantes que aporta coñecer outros países, e tamén laboral no caso de rapaces de máis idade “como os beneficiarios das bolsas Leonardo da Vinci”

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recibiu nas dependencias do Pazo de San Marcos a un grupo de 51 alumnos e profesores procedentes do centro educativo alemán Eduard Spranger Gymnasium, que durante esta semana visitan Lugo cun programa de intercambio cultural co IES Sanxillao da capital.

Acompañados pola directora do Sanxillao, Ángela Doval, e o profesor lucense do que partiu a iniciativa, José Adrio, os alumnos compartiron con Méndez as súas impresións. Ata o vindeiro domingo, permanecerán aloxados con familias de Lugo e durante a súa estancia poderán visitar diferentes puntos da provincia, como a Mariña, así como do resto da xeografía galega.

Méndez deulles a benvida a Lugo, transmitindo os seus parabéns ós responsables educativos que fixeron posible este intercambio, que tamén permite “que os rapaces alemáns coñezan a nosa provincia, da que seguro levarán unha inmellorable impresión que compartir no seu país de orixe”. Tamén quixo transmitir os seus mellores desexos ós alumnos lucenses que visitarán Alemaña no mes de abril. “Certamente unha semana non é moito tempo, pero estou convencida de que esta iniciativa tan acertada continuará e ampliarase co tempo”

Durante a xuntanza, Méndez destacou as vantaxes que aporta coñecer outros países para a formación dos rapaces, xa que “ninguén dubida que saber doutras culturas enriquece a personalidade e, no caso de rapaces de máis idade, como os beneficiarios do programa de bolsas Leonardo da Vinci permite completar a súa formación en diferentes países de Europa, o que tamén é moi positivo no aspecto laboral, porque permite completar a formación e mellorar o currículum”.

O programa Leonardo da Vinci, iniciativa impulsada polo organismo lugués e cofinanciada por fondos europeos, permite a 70 titulados universitarios ou de F.P. lucenses facer prácticas en empresas de países como Austria, Italia, Portugal, República Checa e Reino Unido durante un período de entre 3 meses e 3 meses e medio, sen custe algún para o beneficiario xa que os organizadores búscanlle o aloxamento, o lugar de formación e ata as viaxes, o que permite que os rapaces se centren só na súa aprendizaxe.