Deputación de Lugo

104 operarios e 64 máquinas atenden a rede viaria provincial máis extensa de España, co Plan Invernal da Deputación

Garantir a cobertura de incidencias nas estradas provinciais dos 67 Concellos as 24 horas do día e manter emprego, son os obxectivos desta programaciónEste dispositivo, que xa traballa a todo rendemento, distribúese nas 8 zonas da rede viaria provincial, habendo 13 operarios e 8 vehículos en cada unha das zonasHai 235 toneladas de sal para os 12 saleiros que se sitúan noutros tantos municipios

A Deputación mantén despregado na rede viaria provincial, a máis extensa de España ó superar os 4.200 quilómetros, un total de 104 operarios e 64 máquinas, que xa traballan a todo rendemento, co Plan Invernal. Trátase da programación coa que a institución luguesa garante a cobertura de incidencias nas estradas provinciais dos 67 Concellos lugueses e mantén emprego, posto que contratou este servizo a autónomos e PEMES lugueses. Fíxoo con cargo á partida anual para a conservación viaria, que supera os 3 millóns de euros.

Este dispositivo atópase distribuído nas 8 zonas da rede viaria provincial. Hai 13 traballadores e 8 vehículos por zona, atendendo emerxencias as 24 horas do día.

- Zona 1, con 530 quilómetros de vías, nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
- Zona 2, con 618 quilómetros, no Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.
- Zona 3, con 668 quilómetros, en Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
- Zona 4, con 680 quilómetros, en Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.
- Zona 5, con 332 quilómetros, en Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
- Zona 6, con 334 quilómetros, en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
- Zona 7, con 313 quilómetros, en Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.
- Zona 8, con 738 quilómetros, en Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

A institución conta con 235 toneladas de sal para os 12 saleiros, que se sitúan en Cervantes, Becerreá, Folgoso do Courel, Ribas do Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo.