Deputación e Academia Galega de Ciencias difunden as posibilidades económicas da Reserva da Biosfera dos Ancares

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega de Ciencias, Antonio Rigueiro, presentaron este luns a 24ª edición do Ciclo de Conferencias Luis Asorey, que organiza a Real Academia coa colaboración da institución provincial. O tema central das conferencias organizadas nesta ocasión será a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e, en particular, a difusión dos valores da Reserva e a importancia da súa conservación e do aproveitamento sostible como oportunidade económica, capaz de favorecer o desenvolvemento económico e contribuíndo á fixación de poboación.
Sonsoles López Izquierdo ratificou o apoio da Deputación a estas xornadas que se levan desenvolvendo dende 1989 e enmarcou esta iniciativa na aposta da institución provincial polos recursos naturais como a verdadeira oportunidade de desenvolvemento económico para a provincia. A Deputada lembrou que a anterior edición estivo dedicada ás posibilidades da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e neste ano difundiranse novas oportunidades de negocio para o outro territorio con este recoñecemento xestionado pola Deputación. Deste xeito, salientou López Izquierdo, non só damos a coñecer a riqueza natural da provincia, senón que tamén analizamos as posibilidades económicas dos recursos naturais destes territorios para combater a crise económica, xerando postos de emprego e loitando contra a sangría demográfica.
Pola súa banda Antonio Rigueiro, quen agradeceu a colaboración da Deputación coa Real Academia Galega de Ciencias na organización destas xornadas, desexando que estas aporten solucións que favorezan o desenvolvemento socieconómico desta zona en particular.
Creación de emprego
A Deputación ten en marcha varias iniciativas baseadas nos recursos naturais da provincia para xerar e manter emprego e frear o despoboamento, sobre todo no rural. Máis de 900 lucenses, na súa maioría desempregados, están a recibir formación e asesoramento, de xeito completamente gratuíto, para reconverter, diversificar ou crear a súa propia empresa rendible nos sectores agrícola, forestal ou gandeiro co plan Fórmate en Verde. O organismo provincial promove a implantación de negocios sustentables nos territorios Reserva da Biosfera co I Campus de Emprendemento Sostible, unha iniciativa para emprendedores que se celebrará no Concello de Cervantes entre os días 18 ó 21 en quenda de mañá e 25 e 28 en quenda de tarde.
Participación gratuíta
O Ciclo Luis Asorey está dedicado á memoria deste doutor, prestixioso médico que desenvolveu a súa actividade profesional durante moitos anos na cidade de Lugo e que foi académico, secretario e vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias. Entre os vindeiros días 18 e 27 de novembro, haberá sete conferencias a cargo doutros tantos expertos, todas elas ás 19:30 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. As conferencias previstas son as seguintes:
Día 18: As producións non madereiras do bosque na reserva da Biosfera dos Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá, a cargo do catedrático da Departamento de Producción Vexetal da USC, Antonio Rigueiro.
Día 19: Especies e hábitats de interese para a conservación na reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, polo doutor en bioloxía, Francisco Javier Silva Pando.
Día 20: Valor de conservación dos bosques da Reserva da Biosfera dos Ancares, a cargo do doutor en bioloxía, Manuel Antonio Rodríguez Guitián.
Día 21: Agricultura e gandeiría ecolóxicas: alternativas de interese para a Reserva da Biosfera dos Ancares, impartida pola doutora en enxeñería agrónoma, María Belén Díaz Hernández.
Día 25: Xestión Forestal nos espazos protexidos, polo doutor en enxeñería de montes, Roque Julio Rodríguez Soalleiro.
Día 26: O Plan de Acción da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, a cargo da enxeñeira química e máster en enxeñería Medioambiental pola USC, Andrea Macho Benito.
Día 27: As Reservas da Biosfera de Galicia, polo doutor en Bioloxía e profesor da USC, Pablo Ramil Rego.
Os interesados en asistir poden atopar máis información na web www.deputacionlugo.org. Os alumnos da Universidade de Santiago de Compostela poderán convalidar a súa asistencia por un crédito de libre configuración, para o cal deberán presentar no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo o modelo de formulario que teñen á súa disposición na web citada ou ben no propio Rexistro. De calquera xeito, a asistencia e libre e gratuíta ata completar aforo.