Deputación de Lugo

A campaña da Deputación para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade supera as 4.500 sinaturas

Gómez Besteiro reuniuse co Valedor do Pobo para sumar esforzos en prol da candidatura Un grupo de expertos está a realizar un estudo científico que avalará o valor paisaxístico, arquitectónico e natural do territorio

A campaña da Deputación de Lugo para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade da UNESCO supera as 4.500 sinaturas. Así llo transmitiu o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, ó Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez, nunha reunión para seguir sumando esforzos en prol deste obxectivo.

Gómez Besteiro salientou que “neste camiño longo, que iniciamos cun claro compromiso no 2011, é fundamental o apoio e a colaboración das institucións, do Valedor do Pobo e da cidadanía”. O titular provincial remarcou que “o compromiso e a suma de administracións é un traballo previo e imprescindible para a presentación da candidatura da Ribeira Sacra”, poñendo como exemplo o protocolo de colaboración que redactou a Deputación de Lugo e que xa lle remitiu á Deputación de Ourense para, posteriormente, contar tamén co respaldo da Xunta de Galicia e ós 21 Concellos da Ribeira Sacra. Gómez Besteiro destacou outros apoios xa acadados como o do Senado e do Parlamento. “O importante é trasladar que este traballo intenso vén da unidade de administracións para ter resultados positivos”, remarcou. O titular provincial avanzou que prevé contar con toda a documentación para presentar a candidatura oficial o vindeiro ano.

O Valedor do Pobo destacou a “total sintonía” coa Deputación de Lugo á hora de entender os problemas e buscar solucións na vida pública. Julio José Fernández salientou que a candidatura da Ribeira Sacra “é un tema de primeira magnitude, Galicia pode obter grandes réditos se temos éxito. É un asunto largo e traballoso, de sumar e non restar. Estamos a coordinar un grupo de traballo científico universitario, que conta co apoio das Deputacións de Lugo e Ourense, que recolle os intereses da cidadanía. É un reto importante e esixente.”

Traballo conxunto

Impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio da Humanidade foi un dos compromisos asumidos por Gómez Besteiro no seu discurso de investidura, no 2011. Dende hai un ano e medio, a Deputación está traballando neste senso. Mantivo varios encontros cos promotores da candidatura da Torre de Hércules e da Muralla de Lugo co fin de asesorarse sobre as xestións necesarias e conseguir o mesmo resultado exitoso. Elaborou un protocolo de colaboración para implicar ás administracións pertinentes: Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e 21 Concellos da Ribeira Sacra (13 en Lugo e 8 en Ourense). Puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas, que xa supera os 4.500 apoios. Un autobús rotulado percorre, dende hai algo máis dun mes, localidades da provincia. Xa estivo en Lugo, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Taboada, Portomarín e Carballedo. Mañá chegará a Paradela. No que resta de ano, percorrerá outras localidades lucenses para continuar o seu traxecto no 2014 pola xeografía galega e española.

Un grupo multidisciplinar de expertos está a elaborar un informe técnico no que se destacan os valores naturais e culturais do territorio, como a súa riqueza paisaxística, etnográfica, arquitectónica e turística. Este documento servirá para estruturar as acción das institucións que promoven a candidatura.