Deputación de Lugo

Preto de 1.000 persoas visitaron o Barco Muralla da Deputación esta fin de semana no Valadouro

A iniciativa do organismo provincial estivo nesta localidade mariñana coincidindo coa celebración da tradicional Feira do Mel o que contribuíu á gran afluencia de visitantesO Barco Muralla seguirá co seu percorrido polos centros escolares da provincia recalando no CEIP Antas de Ulla10.000 persoas coñeceron os segredos da provincia o ano pasado durante o seu percorrido pola xeografía lucense

Preto de 1.000 persoas coñeceron o medio natural lucense da man do Barco Muralla da Deputación, durante a súa parada no Concello do Valadouro esta fin de semana. A institución provincial organiza o percorrido desta aula turístico-medioambiental atendendo á celebración de festas e citas gastronómicas, permitindo así que o maior número posible de persoas coñezan toda a riqueza medioambiental e cultural grazas a, por exemplo, os obradoiros para familias que acolle o barco. Deste xeito, xa son preto de 10.000 persoas as que levan visitado no que vai de ano esta instalación.

Dentro da súa programación para escolares o Barco Muralla estará os días 15 e 16 de outubro no CEIP Antas de Ulla. Coa chegada do curso escolar, a institución provincial ofrece a todos os colexios lucenses a posibilidade de contar con esta actividade programada para alumnos dende infantil ata 6º de primaria. Na súa visita os escolares realizan actividades adecuadas á súa idade que inciden na importancia de preservar toda a riqueza natural da provincia. O Barco Muralla tamén achega ós nenos dous símbolos da provincia: a Muralla romana e a Mariña, gran recurso natural aínda descoñecido para moitos dos rapaces do interior.

A instalación está totalmente ambientada como os barcos da Mariña, con material e mobiliario náutico que, de xeito gratuíto, cederon as confradías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro. No seu interior, o Barco Muralla, ofrece material informativo sobre as Reservas da Biosfera e sobre iniciativas empresariais ou formativas relacionadas co medio ambiente. A Fundación Tic, organismo dependente da Deputación, foi a encargada de editar os vídeos que amosan todo o potencial medioambiental da provincia.