Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aproba o proxecto das derradeiras obras do 1º centro de recría público en España de gando vacún

A Deputación porá en marcha a semana próxima estes traballos cos que xera 200 empregos directos e indirectos na provincia e para os que achega 5,3 millóns de eurosMartínez destacou que “financiamos o centro ó 100% porque a Xunta, administración galega coas competencias no rural, rexeitou colaborar con esta iniciativa pública en impulso dos 16.300 produtores de leite que hai en Galicia”O voceiro remarcou que “o Goberno galego ata se negou a visitar as obras, que bloqueou durante máis de un ano. Todo isto, cando Feijóo fixo que se destruísen 1.300 empregos no sector dende que chegou á Xunta”

A Xunta de Goberno deste venres aprobou o proxecto das derradeiras obras do 1º centro público en España de recría de gando vacún na Granxa Gayoso Castro, dotado de 5,3 millóns de euros. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou que “a Deputación financia estas obras ó 100% porque a Xunta, administración galega coas competencias no rural, rexeitou colaborar con esta iniciativa pública en impulso dos 16.300 produtores de leite que hai en Galicia. O Goberno galego ata se negou a visitar as obras do que é o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo na Comunidade nas últimas décadas, xa que permitirá ós gandeiros aforrar cartos ó duplicar a capacidade de recría con 3.000 novas prazas, evitando que leven fóra as súas cabezas”.

“As trabas do Executivo de Feijóo a este proxecto foron tal, que o bloqueou durante máis de un ano, que foi o tempo que tardou en concedernos a licenza legal e imprescindible para iniciar as súas obras. E todo isto, cando o Goberno de Feijóo fixo que se destruísen 1.300 empregos no sector lácteo dende o 2009, dende que está na Xunta”, remarcou o voceiro.

Martínez adiantou que, aprobado hoxe o proxecto, a institución porá en marcha a semana próxima estas actuacións, coas que xera 200 empregos directos e indirectos na provincia. Para elo, recentemente, a Xunta de Goberno acordou as condicións de execución deste proxecto, establecendo que a parte técnico-económica se desenvolve dende a delegación de Tragsa Lugo, non dende Madrid.

Isto suporá, que serán empresas lucenses as que se beneficien das subcontratacións necesarias para a execución destes traballos. Por exemplo, para a construción dun sistema de depuración pioneiro en Galicia ó ser capaz de xestionar o 100% dos residuos ou para a de 16 silos do penso; para importantes tarefas de electricidade; para a adquisición e instalación do equipamento das 13 naves de recría (cubículos, bebedeiros, arrobadeiras, básculas, cornadizas...); ou para a realización de traballos como movementos de terras, cimentacións, pavimentacións, saneamentos ou formigonados.

“O prazo de execución é de 14 meses, polo que o primeiro centro público en España de recría de gando vacún abrirá as súas portas no 2015”, destacou o voceiro.