Deputación de Lugo

A Deputación reivindica o mantemento do actual trazado do Camiño Norte cunha iniciativa artística

Regina Polín presentou a iniciativa da artista Luz Darriba coa que a Asociación Etapa 31, reivindica o mantemento do actual trazado ó seu paso polos Concellos de Guitiriz, Friol e BegonteO organismo provincial está a espera da contestación da Xunta ás alegacións presentadas á decisión unilateral da Xunta que provocou as demandas de apoio de numerosos colectivos Deputación e artista animan a participar nesta iniciativa que, o sábado 14 de decembro, percorrerá tres tramos do Camiño dende Baamonde ata Compostela creando unha gran frecha amarela

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este luns unha acción artística de Luz Darriba e da Asociación de Amigos da Etapa 31, para reivindicar o mantemento do actual trazado do Camiño Norte. Unha frecha amarela formada por centos de persoas percorrerá, o vindeiro 14 de decembro, varios tramos do Camiño Norte comprendidos entre Baamonde e Santiago de Compostela. O organismo provincial xa presentou alegacións contra a modificación que a Xunta pretende acometer, concretamente na Etapa 31, ó seu paso polos Concellos de Friol, Guitiriz e Begonte.

Regina Polín salientou que “a Deputación sempre apoiará calquera acción reivindicativa para que se manteña o actual trazado, en resposta á demanda veciñal e por considerala prexudicial para o emprego nestes municipios”. A Deputada explicou que “actualmente, estamos á espera de que a Xunta conteste ás alegacións presentadas dende o organismo provincial, nas que apostamos por un trazado único e sen opción de variantes”. Regina Polín insistiu en que centos de cidadáns amosaron xa o seu rexeitamento contra a modificación do actual trazado noutras accións reivindicativas no pasado polo que se agarda un novo éxito de convocatoria nesta ocasión.

A artista Luz Darriba agradeceu o apoio da Deputación e explicou a iniciativa que percorrerá a pé 3 tramos do Camiño Norte entre as localidades de Baamonde e Santiago de Compostela, pasando por Sambreixo-Miraz e Arzúa. As persoas que participen na camiñata vestirán un chuvasqueiro amarelo e portarán unha estrutura con forma de frecha desta mesma cor. Os percorridos a pé completaranse con outros realizados en autobús ata a chegada á capital galega e a participación é completamente gratuíta.

O Presidente da Asociación de Amigos da Etapa 31, Daniel Varela, explicou que os tramos son de dificultade baixa e as persoas interesadas poden apuntarse en calquera das etapas. Na iniciativa colaboran a Asociación de Veciños Montenegro de Baamonde, a Asociación de Empresarios de Sobrado e a Asociación de Empresarios de Arzúa. As persoas interesadas en participar deben apuntarse no correo amigosetapa31caminonorte@gmail.com e poden consultar toda a información da inicitiva na web www.defensadocamiñonorteweb.es.

Apoio ó actual trazado

Regina Polín explicou que dende o primeiro momento o organismo provincial rexeitou a decisión unilateral da Xunta de modificar o trazado do Camiño Norte ó seu paso pola Etapa 31. Deste xeito, a Deputación decidiu en pleno instar á Xunta ó mantemento do actual trazado e presentou alegacións oficiais que se basean en aspectos como a lexitimidade histórica, o seu impacto no tecido económico e a seguridade dos peregrinos. Regina Polín destacou que o actual trazado é froito dun rigoroso estudo, financiado e elaborado pola Deputación, no que participaron prestixiosos historiadores. Por outra banda, a Deputada recalcou que a proposta da Xunta tería graves consecuencias económicas para os 20 establecementos situados ó pé da Etapa 31 e insistiu en que o trazado non conta con sinalización e transcorre por puntos potencialmente perigosos para os peregrinos que o realicen.