Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aprobou investimentos de 2,4 millóns de euros para emprego, servizos públicos e cooperación cos Concellos

A Deputación achega 820.000 euros dos fondos europeos do Lug02 a novas actuacións en impulso dos empregos verdes e pon en marcha dúas bolsas formativas remuneradas no eido da carpintería e canteiría para lucenses desempregados menores de 40 anosO organismo provincial colabora co servizo de intermediación laboral de COGAMI para persoas con discapacidade das zonas rurais da provincia con 60.000 eurosA sesión acordou o reparto de 980.000 euros para investimentos en Monforte de Lemos, Sarria e A Pastoriza e aprobou melloras de servizos públicos municipais dotadas de 143.300 euros

A Xunta de Goberno deste luns aprobou actuacións por valor de 2,4 millóns de euros para emprego, servizos públicos e cooperar cos Concellos, “as máximas prioridades desta Deputación”, destacou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez.

A sesión acordou a reordenación dos fondos europeos do Lug02, coa que se achega 1,2 millóns de euros para novas actuacións en impulso dos empregos verdes e do aforro de gastos correntes ós Concellos en materia enerxética ata 2015. Desta cantidade, 820.000 euros serán para emprego e 400.000 para cooperar cos Concellos.

Aprobou unha nova liña de creación de emprego, que consiste na posta en marcha de dúas bolsas formativas para lucenses desempregados e menores de 40 anos no eido da carpintería e cantería. Hoxe acordáronse as bases, que esta mesma semana se publicarán no Boletín Oficial da Provincia, abrindo, a partires de entón, un prazo de solicitude de 8 días naturais. Os beneficiados mellorarán a súa formación con prácticas remuneradas, que realizarán xunto ós profesionais do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Farano durante 6 meses, nos que recibirán unha remuneración mensual superior ós 1.000 euros. O organismo provincial achega a esta nova liña de creación de emprego 12.500 euros.

Tamén sobre emprego, o organismo provincial acordou colaborar co servizo de intermediación laboral de COGAMI para persoas con discapacidade das zonas rurais da provincia con 60.000 euros.

Investimentos nos Concellos

A Xunta de Goberno acordou o reparto por anualidades dun total de 980.000 euros para investimentos nos Concellos de Monforte de Lemos, Sarria e A Pastoriza. A institución achega 940.000 euros a Monforte de Lemos para mellorar o paseo do río Cabe, no treito comprendido entre a Compañía e Piñeira. Esta cantidade distribúese do seguinte xeito: 22.000 euros no 2013, 538.500 euros no 2014 e 380.000 no 2015.

A Deputación concede á Pastoriza 20.000 euros para unha oficina pública veterinaria en impulso do sector agrogandeiro. Esta instalación abrirá a comezos do 2014. A súa posta en marcha suporá a creación de postos de traballo, posto que require de persoal especializado. Ademais, aforrará cartos ós gandeiros, que evitarán desprazamentos para recibir este servizo. A Deputación concede esta axuda ó Concello ante a demanda desta prestación, que anteriormente se ofrecía dende outra oficina veterinaria, que pechou a Xunta de Galicia. “Unha vez máis temos que suplir á Xunta en Lugo”, destacou o voceiro.

En Sarria, a institución inviste outros 20.000 euros, que serán para mellorar a traída de auga na localidade de Vilaverde.

Melloras de servizos públicos

A sesión aprobou as contas xustificativas de 18 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas en núcleos rurais de 11 Concellos, nos que se levaron a cabo melloras de servizos públicos municipais con 143.300 euros da Deputación, aforrando cartos ás entidaes locais. Os traballos leváronse a cabo en Corbite, no Concello de Abadín; Quintia, Anafreita, Serén, Nodar e Lamas, en Friol; Buríz, en Guitiriz; San Mamede de Lousada, en Guntín; Xerdiz e San Pantaleón, en Ourol; Vián, na Pastoriza; Vilaxuste, en Portomarín; Ove, en Ribadeo; Castroncán, en Samos; Piñeira, en Taboada; Lousada e Momán, en Xermade.