Deputación de Lugo

A Deputación blinda en Lugo os 200 empregos que xerarán as derradeiras obras do centro de recría

O organismo provincial fixa que a parte técnico-económica do proxecto se desenvolva dende a delegación de Tragsa en Lugo para que sexan empresas da provincia as que se beneficien das subcontratacións necesariasA institución porá en marcha estas actuacións este mesmo mes. Durante 14 meses, 200 persoas traballarán un total de 130.000 horas para a posta a punto do centro no 2015Martínez salienta os criterios obxectivos do plan de emprego da Deputación, para “garantir a igualdade de oportunidade entre os cidadáns e combater o partidismo da Xunta do PP”

A Xunta de Goberno aprobou este venres as condicións de execución do convenio de colaboración co Ministerio de Medio Ambiente para que Tragsa leve a cabo as derradeiras obras do primeiro centro público en España de recría de gando vacún, dotadas de 5,3 millóns de euros, financiados ó 100% pola Deputación. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou que “con estas condicións garantimos que os 200 empregos directos e indirectos que suporá a execución destes actuacións sexan de Lugo. É dicir, blindamos o emprego na provincia”. Para elo, o organismo provincial acordou que a parte técnico-económica deste proxecto se desenvolve dende a delegación de dita entidade pública en Lugo e non dende a de Madrid.

Martínez explicou que isto suporá que sexan empresas lucenses as que se beneficien das subcontratacións necesarias para a execución destes traballos. Por exemplo, das obras de construción dun sistema de depuración pioneiro en Galicia ó ser capaz de xestionar o 100% dos residuos ou das de 16 silos do penso; das complexas actuacións de todo o sistema de electricidade; da adquisición e instalación do completo equipamento das 13 naves de recría (cubículos, bebedeiros, arrobadeiras, básculas, cornadizas...); ou da realización de traballos varios como movemento de terras, cimentacións, pavimentacións, saneamentos, formigonados...

Durante 14 meses, 200 persoas traballarán 130.000 horas para a posta a punto do primeiro centro público en España de recría de gando vacún nas instalacións chairegas da Granxa Gayoso Castro. O voceiro adiantou que, aprobadas as condicións do convenio, “este mesmo mes aprobaremos o proxecto e poremos en marcha as que son as derradeiras obras do centro de recría, que estará listo no 2015”.

Plans de Emprego

Tamén sobre emprego e tras as afirmacións do Partido Popular, Martínez lembrou que a recente programación aprobada pola institución está dirixida a Concellos de menos de 5.000 habitantes, que non se teñan beneficiado dun plan semellante nos últimos anos, “precisamente, para garantir a igualdade de oportunidade, combatendo o partidismo no que a Xunta do PP basea os seus plans de emprego”. O voceiro salientou que “hai que ter ven pouca vergoña para criticar o esforzo inversor para emprego desta Deputación, cando a Xunta, administración coas competencias directas en emprego e cun orzamento máis de 100 veces superior ó desta institución, recortou en 238 millóns de euros o presuposto para políticas activas de emprego. Tendo en conta a renuncia do PP de Feijóo á loita contra o desemprego, esta Deputación contempla no Orzamento para 2014 outros 5 millóns de euros para un novo plan de emprego. Este presuposto engádese ós 10,7 millóns de euros das 6 liñas de creación de emprego que, na actualidade, temos en marcha, beneficiando a 2.200 lucenses”. Estas liñas son as seguintes: o plan de emprego para Concellos de menos de 5.000 habitantes; o Pacto Provincial polo Emprego; o Fórmate en Verde; o convenio coa Escola de Organización Industrial; os Grupos de Emerxencia Supramunicipal; e as bolsas de emprego para mozos lucenses.

150.000 euros de aforro

A sesión aprobou a contratación de 1.133 novos compoñentes enerxéticos para os Concellos de Navia de Suarna, A Pastoriza e Meira, por valor de 87.120 euros. Trátanse dunhas actuacións enmarcadas no Plan Enerxético da Deputación, que aforra a estes tres municipios 150.000 euros, ó asumir a totalidade de custes, a diferencia do Plan da Xunta, que obriga ós Concellos a achegar o 30% dos custes.

Os 150.00 euros de aforro a Navia de Suarna, Meira e A Pastoriza distribúese do seguinte xeito: 30.000 euros polas auditorías enerxética, que realizamos dende a Axencia Provincial da Enerxía; 87.120 euros pola compra e instalación do material enerxético, que o facemos de xeito conxunto mediante o Acordo Marco, que permite reducir custes; 30.000 euros, que é a cantidade anual na que se reducirán as facturas pola luz destes municipios.

Martínez indicou que, nas vindeiras semanas, iniciarase a instalacións de 358 compoñentes enerxéticos na Casa Consistorial e alumeado público de Navia de Suarna; de 423 compoñentes enerxético na CEIP O Salvador e alumeado público da Pastoriza; e de 352 compoñentes enerxéticos na Casa Consistorial, Casa da Cultura Federico González López e alumeado público de Meira. Son os edificios públicos elixidos por estes municipios para a redución dos gastos enerxéticos co Plan enerxético da Deputación. Cómpre lembrar que son 37 os Concellos da provincia que decidiron sumarse de xeito voluntario a esta iniciativa.

Outros acordos

Máis aforro ós Concellos coa aprobación das contas xustificativas de catro obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas en núcleos rurais de Barreiros, Foz, Palas de Rei e Viveiro, onde se melloraron dotacións públicas municipais. A Deputación asumiu a totalidade de custes: 36.800 euros.

A sesión acordou o cambio de titularidade de fincas expropiadas para as obras de mellora na estrada San Cristobal-Adaia-LU-106, no Concello do Corgo; así como a desestimación da revisión doutro proceso de expropiación nesta mesma vía, tendo en conta a próxima execución destes traballos, “tendo en conta as dispoñibilidades económicas”, incluídos xa no Plan Complementario do POS 2013 e dotados de 1,3 millóns de euros de fondos provinciais.
Neste senso, o tamén Deputado de Xestión Territorial remarcou que “a diferencia do PP, que durante anos enganou ós veciños prometendo estes traballos que nunca chegou a executar porque non tiña cartos nin terreos, este Goberno Provincial rematou o proceso de expropiacións, achegando para elo 390.000 euros de fondos propios, e conta agora con máis de 100 fincas para a realización destes traballos. Os técnicos provinciais traballan na redacción dun proxecto conxunto, que o PP deixou desglosado en dúas parte, que inclúe melloras, como aglomerado e sinalización vertical e horizontal, para a súa execución con fondos propios, segundo as dispoñibilidades económicas no lo permitan”

A Xunta de Goberno aprobou a desestimación das alegacións presentadas por un establecemento hoteleiro ó respecto do programa Termalismo no Camiño, tendo en conta que non presentou a documentación correspondente para xustificar un dos requisitos principais desta programación, que é empregar augas mediciñais e termais, tal e como recollen as bases publicadas no BOP. Participan en Termalismo no Camiño os balnearios de Lugo, Pantón, Guitiriz e Palas de Rei, ofrecendo ata decembro 1.200 prazas subvencionadas para lucenses maiores de 50 anos.