Deputación de Lugo

200 alumnos de Cervo coñecen a riqueza medioambiental da provincia co Barco Muralla da Deputación

A aula medioambiental deu conta do patrimonio natural lucense ós 200 rapaces do CEIP Cervo I, onde o barco recalou esta semanaA vindeira semana estará en Láncara onde o visitarán centros de alumnos dos centros escolares desta localidade e doutras próximasNos vindeiros meses recalará en máis colexios da provincia, recibindo a visita de preto de 10.000 escolares que recibirán información e participarán en obradoiros

O Barco Muralla da Deputación recalou esta semana no CEIP Cervo I, en San Cibrao, para amosarlles a 200 rapaces deste centro e doutros situados na Mariña toda a riqueza natural da provincia.

Esta aula medioambiental percorre a xeografía lucense de luns a venres informando da biodiversidade da provincia a centos de escolares que participan nas múltiples actividades e obradoiros de concienciación medioambiental organizados, axeitados á súa idade. A vindeira semana, o Barco Muralla achegarase ata Láncara, situándose nas inmediacións do CEIP Ramón Piñeiro na Pobra de San Xiao, onde recibirá a visita dos nenos deste centro e doutros próximos.

Coa chegada do curso escolar, a Deputación ofrece a todos os colexios da provincia a posibilidade de contar coa iniciativa do Barco Muralla que desenvolve actividades pensadas para alumnos de infantil ata 6º de primaria. Nos vindeiros meses o barco visitará colexios en distintos puntos de toda a provincia, de xeito que preto de 10.000 nenos poderán coñecer máis da súa provincia.

Durante as fins de semana, a iniciativa recala en localidades nas que se celebran festas e citas turísticas, aproveitando a afluencia de público para difundir a riqueza medioambiental lucense e colaborar cos Concellos ampliando a oferta lúdica. No que vai de ano, máis de 15.000 persoas pasaron por esta instalación que da a coñecer dous símbolos de Lugo: a Muralla romana e máis a Mariña, aínda descoñecida para moitos rapaces do interior.