Deputación de Lugo

García Porto: 'Os datos do paro desvelan que Feijóo e Rajoy renunciaron á loita contra o desemprego'

Imaxe deputación de lugo
A Deputada remarcou que “os 27.440 lucenses desempregados son froito dos recortes nas políticas activas de emprego da Xunta de Galicia, con 156 millóns de euros menos en dous anos, e do Goberno Central, cunha rebaixa de 4.000 millóns de euros no mesmo período”García Porto subliña que “o emprego é a prioridade absoluta deste Goberno Provincial. Todo polo emprego, aínda que non teñamos as competencias. É un acto de responsabilidade”. 12,8 millóns de euros é a partida da Deputación para emprego no 2014

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, lamentou este martes que 847 lucenses se sumasen á listaxe do paro no último mes, sendo Lugo a provincia galega na que máis aumentou o desemprego en termos relativos (3,19%). García Porto subliñou que “os datos do paro desvelan que Feijóo e Rajoy, máximos dirixentes das administracións coas competencias en materia laboral no país, renunciaron á loita contra o desemprego. Os 27.440 lucenses no paro son froito dos recortes nas políticas activas de emprego da Xunta de Galicia, con 156 millóns de euros menos en dous anos, e do Goberno Central, cunha rebaixa de 4.000 millóns de euros no mesmo período”.

“A máxima preocupación dos cidadáns é o emprego, polo que, día tras día, están a reclamar solucións, recibindo como única resposta da Xunta e do Goberno Central do Partido Popular recortes e suba de impostos. As administracións temos a obriga de atender as demandas dos cidadáns. Por iso, o emprego é a prioridade absoluta deste Goberno Provincial. Todo polo emprego, aínda que non teñamos as competencias na materia. É un acto de responsabilidade”, remarcou a Deputada.

Neste senso, a responsable provincial da área de Economía remarcou que no Presuposto da Deputación para 2014 achéganse 12,8 millóns de euros para o emprego, incrementando nun 90% esta partida con respecto ós dos últimos anos.