Deputación de Lugo

A Deputación organiza un concurso de fotografía sobre a riqueza micolóxica das Reservas da Biosfera

As persoas que desexen participar deben presentar os seus orixinais en formato dixital e en papel no Rexistro Xeral da entidade antes do 31 de decembroAs tres mellores fotografías recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros. As bases completas poden consultarse en www.deputacionlugo.orgO organismo provincial realizará coas instantáneas presentadas unha exposición para divulgar a beleza dos territorios lucenses Reservas da Biosfera

A Deputación organiza un concurso de fotografía sobre a riqueza micolóxica dos territorios Reserva da Biosfera de Terras do Miño e Ancares Lucenses. Os interesados en participar deberán presentar as súas fotografías, que teñen que ser inéditas e non ter sido premiadas con anterioridade, antes do 31 de decembro no Rexistro Xeral da Deputación.

As fotografías, que poden ser en branco e negro ou en cor, deben realizarse en espazos comprendidos dentro das Reservas da Biosfera lucenses. Os participantes deberán entregar as imaxes recollidas nun CD e tamén copia en papel fotográfico, dentro dun sobre pechado que inclúa o nome e apelidos do autor, data de nacemento, enderezo, teléfono, correo electrónico, título da obra e lugar onde se realizaron. Cada autor só pode presentar unha fotografía.

Os tres mellores traballos presentados recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente. O xurado estará composto por expertos de recoñecido prestixio que farán público o resultado ó longo do primeiro trimestre do vindeiro ano.

A intención

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, salientou que debido ó interese amosado pola fotografía e co obxectivo de divulgar a riqueza das Reservas, a intención da Deputación é organizar todos os anos un concurso de fotografía sobre diferentes temas medioambientais.

Con todas as fotografías a Deputación realizará unha exposición que amose toda a beleza e diversidade dos territorios Reserva da Biosfera. As bases completas poden consultarse na web www.deputacionlugo.org.