Deputación de Lugo

A Deputación mellora 40 dotacións veciñais nos Concellos da Terra Chá investindo máis de 300.000 euros

Regina Polín supervisou hoxe actuacións realizadas no Concello de Xermade, no que a institución destinou máis de 42.000 euros a financiar ó 100% das 6 obras solicitadas e que beneficiarán a máis de 800 veciños residentes na zonaAs actuacións financiadas polo organismo provincial consisten principalmente na mellora e acondicionamento de camiños e accesos a vivendas e fincas de traballo; de dotacións de auga en núcleos rurais e de instalacións de uso comunitario

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, avanzou este venres o remate de 40 obras de acondicionamento e mellora de servizos públicos municipais no rural dos Concellos da Comarca da Terra Chá, financiadas todas elas ó 100% pola institución lucense con máis de 300.000 euros. Nesta ocasión, Polín supervisou algunha das actuacións levadas a cabo no Concello de Xermade, no que se puideron acometer 6 obras por un valor total de máis de 42.000 euros.

A Deputada destacou a importancia de colaborar, tanto cos Concellos como directamente cos veciños, aportando axuda económica para acometer obras de dotacións públicas, que doutro xeito sería imposible levar a cabo. “Estas actuacións melloran notablemente a calidade de vida do rural, por iso para a Deputación é fundamental colaborar asumindo o 100% dos custes das obras”. Estas obras son executadas por PEMES e autónomos lugueses, “o que tamén contribúe de xeito decisivo a manter e crear postos de traballo e impulsar a economía local”

As actuacións supervisadas hoxe por Regina Polín en Xermade, contaron cun orzamento de 23.300 euros -parte dos máis de 42.000 destinados a este Concello-. Na parroquia de Roupar levouse a cabo a perforación dun pozo de auga potable, así como a adecuación das instalacións necesarias para o seu uso. Deste xeito, os máis de 400 veciños que residen nesta parroquia poderán contar cun subministro de auga, apta para o consumo e que tamén poderá ser empregará en instalacións sanitarias e para regadío. Nesta mesma parroquia, a Asociación de Veciños Santo Estevo conta xa nun novo local social, cuxa construción e remate foi financiada integramente pola Deputación de Lugo.

Outras das obras financiadas neste municipio foron o arranxo dunha pista de uso veciñal que dará servizo ós 200 veciños de Lousada, unindo esta parroquia con Fontepedral; o acondicionamento da chamada ruta dos muíños na Rigueira; un novo local para a organización de cursos formativos e outras actividades postas en marcha polas máis de 70 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Xermade; ou a adquisición de material e mobiliario para outro local social na parroquia de Momán, que conta con outros 200 habitantes, mellorarán considerablemente, pois, a calidade de vida de máis de 800 veciños.