As máquinas da Deputación abren o paso a medio cento de persoas atrapadas no Piornedo pola neve
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_9390_1.jpg)
As máquinas da Deputación abriron o paso a medio cento de persoas, atrapadas en establecementos hostaleiros do Piornedo, no Concello de Cervantes, con motivo da neve. O organismo provincial desprazou á zona varias quitaneves, ás que foron seguindo os afectados ata A Degrada, onde puideron continuar co seu traxecto xa en solitario.
Os máis de 100 operarios e 60 vehículos que mobilizou a institución luguesa para despexar as comunicacións viarias tamén actuaron no Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Samos e Quiroga.
Este dispositivo arrancou a súa actividade ás 6:00 horas da madrugada, conseguindo despexar todas as estradas provinciais, que están abertas ó tráfico. Recoméndase o uso de cadeas, especialmente, en Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do Courel.
Os operarios e máquinas da Deputación continúan en alerta e desprazados por toda a provincia para seguir atendendo posibles emerxencias.