Deputación de Lugo

Gómez Besteiro entregou hoxe os diplomas ós preto de 250 participantes nos cursos de gandería ecolóxica do Fórmate en Verde

Estes son parte dos 1.400 lucenses que recibiron formación gratuíta e asesoramento para crear, diversificar ou reconverter empresas vinculadas á produción ecolóxica O Presidente destacou a importancia desta liña de emprego da Deputación que “potenciará aínda máis un sector no que a provincia é a primeira de Galicia en volume de facturación e a segunda en superficie dedicada á produción ecolóxica” Xa son 9 empresas de explotación gandeira creadas ó abeiro deste plan, que ofreceu 41 cursos gratuítos en toda a provincia e que, unha vez rematada a formación ofrece ós participantes asesoramento continuo para executar o seu proxecto

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, entregou hoxe na Granxa Gayoso Castro os diplomas que acreditan a participación e aproveitamento ós 250 participantes nas accións formativas gratuítas sobre gandería ecolóxica do Fórmate en Verde, unha das 10 liñas de creación de emprego postas en marcha polo organismo provincial. En total, foron 1.400 lucenses os que se beneficiaron tanto das accións formativas gratuítas como dos seminarios, abertos ó público en xeral, centrados en agricultura e gandería ecolóxicas e aproveitamento forestal sostible, organizados ó abeiro deste programa.

Gómez Besteiro destacou a elevada participación nesta iniciativa, “feito que amosa o interese que o sector da produción ecolóxica ten en Lugo, onde as vendas aumentaron un 60% nos últimos cinco anos”, e subliñou o beneficioso impacto que a formación especializada pode representar para potenciar aínda máis un sector no que a provincia é a primeira de Galicia en volume de facturación e a segunda en superficie dedicada á produción ecolóxica”.

O Presidente avogou polo desenvolvemento de iniciativas como o Fórmate en Verde “que confirma que esta é oportunidade inmellorable para sacar o máximo rendemento ós recursos naturais da provincia dun xeito sostible, crear emprego no rural e favorecer dese xeito a fixación de poboación”. De feito, polo momento xa son 9 as empresas de explotación gandeira creadas ó abeiro deste plan, que ofreceu 41 cursos gratuítos en toda a provincia e que, unha vez rematada a formación ofrece ós participantes asesoramento continuo para executar o seu proxecto.

As persoas que recibiron hoxe os seus diplomas participaron nalgún dos 12 cursos de formación integral sobre produción ecolóxica con gando vacún, ovino e caprino, porcino e avicultura celebradas nos Concellos de Castro de Rei, Friol, Sarria e A Fonsagrada. Por outra banda, o organismo provincial organizou dentro do programa Fórmate en Verde outras accións formativas abertas ó público sobre parasitismos en gandería ecolóxica, benestar animal, manexo de enfermidades e homeopatía veterinaria. Nestas citas tomaron parte outros 250 interesados, o que suma un total de 500 persoas.