Deputación de Lugo

A Deputación despexa vías da Montaña con neve tras atender 100 incidencias en toda a provincia nas últimas horas

40 operarios e 20 máquinas actúan en Pedrafita, Navia, As Nogais, A Fonsagrada, Becerreá, Courel e O Incio, onde segue a nevar, cando hai estradas que acumulan ata 30 centímetros de neve

A Deputación centra a súa actividade na Montaña luguesa, onde segue a nevar cando as estradas acumulan ata 30 centímetros de neve e os fortes ventos dificultan a súa limpeza. 40 operarios e 20 máquinas despexan vías de Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, A Fonsagrada, Becerreá e Folgoso do Courel, ademais do Incio.

O intenso traballo levado a cabo polo organismo provincial fixo posible que se poida transitar, practicamente, pola totalidade da rede viaria provincial, salvo en estradas das zonas altas de ditos municipios da Montaña, nas que se está a traballar a esta hora e cuxas actuacións, que se retomaron ás 6:00 da madrugada, se prolongarán durante o que resta de día.

E é que a Deputación resolveu 100 incidencias nas últimas horas.

Medio cento das mesmas tiveron lugar na Mariña, a onde a institución mobilizou un dispositivo especial, con 44 operarios e 23 máquinas, que interveu en vías de Viveiro, Barreiros, Foz, Cervo, Xove, A Pontenova e Ourol pola existencia de árbores por mor do vento. Todas as estradas quedaron despexadas xa a pasada noite.

O vento tamén provocou outras 50 incidencias na zona Centro, concretamente nos Concellos de Muras, Castroverde, Castro de Rei, Cospeito e Friol; así como en Sarria e Sober. A Deputación despregou outra ducias de operarios a ditos municipios, quedando resolta a situación.