Deputación de Lugo

O Barco Muralla da Deputación recalou esta fin de semana en Pobra do Brollón para divulgar o medio ambiente lucense

Pilar García Porto visitou hoxe a instalación que permanecerá neste Concello ata mañá domingo na Área Recreativa de Samugueiros, na capital do municipioNo seu interior, ofrece material informativo sobre os territorios Reserva da Biosfera e outras iniciativas do organismo provincial relacionadas co medio ambienteDurante este ano 15.000 persoas de toda a provincia participaron nesta iniciativa que pon en valor os recursos naturais dun xeito lúdico adaptado a todas as idades

O Barco Muralla da Deputación recalou esta fin de semana en Pobra do Brollón. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, visitou esta instalación que estará na Área Recreativa de Samugueiros desta localidade os días 21 e 22 de decembro, divulgando a riqueza natural da provincia.

García Porto salientou o labor informativo desta iniciativa itinerante que percorre a xeografía lucense informando da biodiversidade da provincia, dun xeito lúdico e atractivo para todas as idades. No seu interior, o Barco Muralla ofrece material informativo sobre as Reservas da Biosfera e sobre iniciativas empresariais ou formativas relacionadas co medio ambiente. A Fundación Tic, organismo dependente da Deputación, foi a encargada de editar os vídeos que amosan todo o potencial medioambiental da provincia. A instalación está ambientada como os barcos da Mariña, con material e mobiliario náutico que, de xeito gratuíto, cederon as confradías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro.

O Barco Muralla recibe durante a semana a escolares con actividades adecuadas á súa idade e obradoiros de concienciación medioambiental. Durante as fins de semana, a iniciativa recala en localidades nas que se celebran festas e citas turísticas, aproveitando a afluencia de público para difundir a riqueza medioambiental lucense e colaborar cos Concellos ampliando a oferta lúdica.

No que vai de ano, máis de 15.000 persoas pasaron por esta instalación que da a coñecer dous símbolos de Lugo: a Muralla romana e máis a Mariña, aínda descoñecida para moita xente do interior.