Deputación de Lugo

A Deputación súmase ós actos de celebración do X Aniversario de Enxeñería Civil da Universidade de Santiago

Álvaro Santos destacou o compromiso do organismo lugués coa educación universitaria e o Campus de Lugo nun acto no que responsables académicos, políticos e profesionais urxiron inversión pública para garantir o futuro desta titulación

O Deputado da Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, participou nun acto que tivo lugar na Escola Politécnica do Campus de Lugo para conmemorar o X Aniversario da titulación de Enxeñería Civil na Universidade de Santiago. A cita congregou a representantes políticos das administracións local, provincial e autonómica, así como á presidenta do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas, ademais dun nutrido grupo de docentes, estudantes de Enxeñería Civil, profesionais e titulados xa egresados do centro universitario lugués. O Deputado destacou que o organismo lugués mantén o compromiso para esta infraestrutura tan pronto como a situación económica o permita.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidiu a sesión, que comezou cun relatorio sobre as pontes romanas en Galicia, a cargo do doutor enxeñeiro en Camiños, Portos e Canais, Manuel Durán Fuentes, e durante a que se procedeu á entrega de diplomas e insignias ós titulados en Enxeñaría Civil xa egresados da Escola Politécnica que no seu día obtiveron os Premios Extraordinarios da titulación de Enxeñería Civil.

A relevancia da Enxeñaría Civil, considerada como a máis antiga das enxeñerías e cuxas actividades profesionais asociadas están sempre orientadas a garantir e mellorar o grao de benestar das persoas, tal e como subliñou o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, foron dúas das ideas máis reiteradas no transcurso desta sesión, na que tamén quedou de manifesto a actual conxuntura de dificultade pola que atravesa a Enxeñería Civil por mor da redución da inversión pública.

A presidenta do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas, Paloma Gázquez Collado. reivindicou na súa intervención a conveniencia de non agardar ó crecemento económico para favorecer a inversión pública, posto que é a inversión a que conduce ó posterior desenvolvemento económico.

Gázquez Collado tamén apuntou que a actual situación de crise obriga ós enxeñeiros civís a inventarse de novo para desenvolver a súa actividade en eidos diferentes ós tradicionais, tales como poden ser as TIC, enerxías renovables ou planificación urbanística, entre outras. Neste senso, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, sinalou a área de hidroloxía e a xestión e depuración de augas como Campus de actuación dunha profesión “moi fermosa e versátil” como é a Enxeñería Civil.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, tamén fixo propia esta demanda de máis inversión pública. Así, logo de cualificar de “grave erro” as políticas de austeridade e recortes impulsadas polos dirixentes da Unión Europea, o rexedor lugués reiterou a súa aposta polo coñecemento, “a maior fonte de riqueza que temos en Lugo” como vía para un maior desenvolvemento económico que xere emprego e benestar.

O director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema, lembrou na súa intervención a evolución experimentada pola titulación de Enxeñería Civil desde a súa implantación no Campus de Lugo da USC no curso 2003-2004 como Enxeñería Técnica en Obras Públicas coa especialidade en Servizos e Transportes Urbanos. A transformación desta enxeñería técnica en grao ampliou a duración da titulación e tamén as competencias dos enxeñeiros aos ámbitos da hidroloxía, construción, transportes, servizos, etc.

Ó longo dos dez anos de vida da titulación, a EPS egresou máis de 220 enxeñeiros civís, dixo Javier Bueno, quen logo de felicitar a estudantes, titulados e docentes polo éxito dunha titulación como a de Enxeñería Civil, cuxa implantación no campus lugués veu reforzar o seu potencial e as súas áreas de actuación.

O proxecto dun novo edificio para acoller a titulación de Enxeñaría Civil e as instalacións necesarias para as súas tarefas de docencia e investigación constitúe outro dos retos aínda pendentes deste título grao universitario.