Deputación de Lugo

A Deputación impulsou a actividade de 30 empresas do sur da provincia con 40.000 euros do Reacciona coas Tic

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, fixo balance da implantación deste programa pioneiro en Galicia en Pemes e autónomos do sur da provincia, tras escoitar de primeira man a experiencia dunha das empresas participantes Pemes e autónomos de Monforte de Lemos; Sarria; Chantada; Palas de Rei; Taboada; Pantón; Samos; Sober; Quiroga e Paradela recibiron ferramentas tecnolóxicas e formación a custe cero

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, mantivo este xoves un encontro cos responsables dunha das empresas participantes no Reacciona coas Tic, programa pioneiro en Galicia que a Deputación de Lugo puxo a disposición de todas as Pemes e autónomos da provincia para potenciar os seus negocios. Tras esta xuntanza, a Deputada deu conta do resultado deste programa, dotado con 200.000 euros financiados nun 80% por fondos europeos, na Zona sur luguesa, na que se ubican 30 das 150 empresas que se beneficiaron deste plan en toda a provincia. Estas recibiron, de xeito gratuíto, ata 200 ferramentas tecnolóxicas encamiñadas a aumentar a súa competitividade e reducir os custes de funcionamento e produción, facilitando así a xeración de emprego.

Tras reunirse cos responsables de Arias Lence, un negocio de xestión inmobiliaria e administrativa radicado no Concello de Chantada, García Porto destacou a importancia de prestar apoio ós pequenos negocios no eido das Tic, para facilitarlles, por exemplo, dar resposta ás novas tendencias do mercado, “que deixan claro que o consumidor cada vez esixen máis rapidez no servizo”. De feito, os responsables desta empresa están moi satisfeitos do novo enfoque que foron capaces de dar ó seu negocio, que agora funciona 24 horas na rede, por exemplo, como “despacho virtual”.

Neste sentido, a Deputada subliñou as posibilidades de crecemento que as novas tecnoloxías ofrecen a Pemes e autónomos, “xa que, tendo en conta datos como o incremento de 14.000 millóns de euros que experimentou o comercio electrónico en España no 2013, para as empresas é fundamental contar, por exemplo, con páxinas web que dean visibilidade. A tendencia é que as empresas xa non poidan permitirse a relación cos clientes só de xeito presencial”

30 empresas do sur lugués no Reacciona coas TIC

O Reacciona coas TIC permitiu a un total de 30 empresas da Zona Sur da provincia acceder ó uso de software e formación gratuíta que o organismo provincial puxo á súa disposición a custe cero, posto que estas actuacións contaron cunha achega de 40.000 euros. Pemes e autónomos de Monforte de Lemos (7); Sarria (9); Chantada (4); Palas de Rei (2); Taboada (2); Pantón (1); Samos (1); Sober (1); Quiroga (1) e Paradela (1), accederon a este paquete de ferramentas tecnolóxicas tras ser auditadas por técnicos da Deputación.

Estes estudaron cada caso de xeito individualizado para detectar as posibles deficiencias existentes e as súas necesidades particulares no eido das Tic en función da súa actividade, posto que entre elas hai dende empresas de servizos enerxéticos, de transformación de madeira ou de construción ata establecementos de turismo rural, de alimentación ou mesmo clínicas dentais.

Tras esta fase inicial de estudo de situación, o organismo lugués dotou de diferentes solucións informáticas a cada unha delas a custe cero, ademais de facilitar formación en novas tecnoloxías a empresarios e traballadores en materias como márketing e redes sociais; xeomarketing; códigos QR; fidelización de clientes con boletíns electrónicos, ou posicionamento de webs e blogs empresariais.