Deputación de Lugo

10 hoteis, balnearios e paradores reciben os primeiros 2.500 produtos autóctonos para facilitar a súa venda co plan da Deputación

García Porto mantivo este xoves un encontro co Director do Balneario de Augas Santas, un dos recoñecidos establecementos da provincia que solicitou sumarse ó novo plan de impulso dos produtos autóctonos tras o éxito acadado cun proxecto piloto anterior Centos de persoas de toda España coñeceron no balneario de Pantón a calidade de embutidos e produtos cárnicos lucenses durante o campionato de golf, que organizaron os 5 campos lucenses, grazas a unha colaboración de 7.000 euros da Deputación de Lugo

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, mantivo este xoves en Pantón un encontro co Director do Balneario de Augas Santas, Lalo Crespo, para ultimar a inmediata posta en marcha do novo plan de impulso dos produtos autóctonos. Lalo Crespo explicou que Augas Santas solicitou sumarse a esta iniciativa da institución tras o éxito acadado cun proxecto piloto anterior desenvolto neste establecemento, que fixo posible que centos de persoas de toda España coñecesen a calidade dos produtos cárnicos lucenses, grazas a unha colaboración do organismo provincial de 7.000 euros.

E é que a Deputación promocionou a 1ª plataforma de comercio electrónico (www.losproductosdelugo.com) durante a celebración do circuíto provincial de golf. Trátase do único campionato que organizan conxuntamente os 5 campos existente en Lugo, sendo un dos eventos de referencia da Federación Galega, así como das revistas especializadas neste deporte no país, tendo en conta o seu seguimento e poder de convocatoria.

Máis de 200 xogadores participaron en Augas Santas na final deste circuíto e outras tantas seguírono nas redes socias. Todas eles descubrindo a calidade dos produtos lucenses, pois nos espazos web sobre o campionato incluíse información da plataforma de comercio electrónico, os participantes puideron desgustar embutidos e produtos cárnicos, e mesmo se obsequiou ós gañadores con pezas dos mesmos.

O Director de Augas Santas destacou que “a promoción dos produtos lucense é un atractivo máis para os establecementos, xa que suscitan o interese dos visitantes, contribuíndo a impulsar os nosos negocios”. A Deputada salientou as “oportunidades económicas que xeran na provincia este tipo de iniciativas, posto que miles de persoas coñecen a calidade dos produtos autóctonos, incrementando as súas vendas e mantendo emprego”.

Hai que ter en conta que só Augas Santas recibe ó ano 30.000 persoas de todos os puntos do país. Precisamente, os visitantes deste establecemento atoparán agora un expositor con lema “E para comer Lugo”, que incluíra variados produtos. Por exemplo, chourizos e salchichóns do Piornedo; oruxo branco, licor de café, licor de herbas e crema de oruxo de Becerreá; tortas e madalenas de améndoa de Guitiriz; tartas e amendoados de Mondoñedo; bolachas de castañas, crema de castaña e marmeladas do Folgoso de Courel; mel do Valadouro, entre outros.

Na súa páxina web, haberá información sobre estes produtos, destacando todos os seus puntos de venda e incluíndo un enlace á 1º plataforma de comercio electrónico na provincia para a súa compra directa en Internet.

Ó longo do ano, principalmente en datas de maior afluencia de público, como Semana Santa, organizará actividades de promoción, como degustacións.

Máis establecementos

Ademais de Augas Santas, os outros establecementos que hoxe recibiron, no seu conxunto, un total de 2.500 produtos autóctonos son os seguintes: Parador de Ribadeo; Parador de Vilalba; Parador de Monforte de Lemos; Hotel Spa Attica 21 Vilalba; Hotel Ego; Hotel O Val do Naseiro; Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas; Hotel Coto Real; e Hotel Balneario de Guitiriz. Nos próximos días, ocorrerá o mesmo no Gran Hotel Lugo; Hotel Pazo de Orbán e Sangro; Hotel Santiago; e Hotel Jorge I.

Durante os vindeiros meses, estes negocios promocionarán e facilitarán as vendas de 55.000 lotes de produtos. Posteriormente, comprobados os resultados iniciais deste plan, a Deputación prevé a súa ampliación, estendéndoo a máis establecementos e produtos coas marcas de calidade da institución Lugo Sabe, que acadaron gratis 175 profesionais.