Deputación de Lugo

A Deputación destinou preto de 400.000 euros ó impulso das novas tecnoloxías en Concellos e empresas da Mariña

O organismo lugués investiu 315.000 euros a través do Innova-TE nos 9 Concellos adheridos para dotalos de melloras como rede wifi ou banda longa de maior calidade, e 30 empresas da Costa aumentaron a súa competitividade con 40.000 euros do programa Reacciona coas TicLara Méndez avanzou a posta en marcha do servizo de conexión wifi de acceso libre e gratuíto en Viveiro, acompañada pola Alcaldesa deste municipio, onde escoitaron de primeira man a experiencia dunha das empresas participantes no programa

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada pola Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, deu conta este mércores das actuacións levadas a cabo pola institución provincial en impulso das novas tecnoloxías na Mariña, e que supuxeron un investimento total de 355.000 euros en dotacións tanto para os Concellos, das que se beneficiarán directamente os veciños, como para empresas da Comarca.

Durante a visita, na que tamén estivo presente o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, Méndez destacou que os 9 Concellos mariñanos adheridos ó Innova-TE contan cun paquete de 8 servizos tecnolóxicos, entre os que destaca a conexión wifi a Internet en espazos públicos e Consistorios de xeito totalmente gratuíto. Abadín, Burela, Cervo, Lourenzá, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e Viveiro aforraron un total de 315.000 euros (un aforro estimado por Concello de 35.000 euros) grazas a este paquete tecnolóxico que a Deputación puxo en marcha, a custe cero grazas a este programa  financiado ó 80% por fondos da Unión Europea. Hai que lembrar que Foz, malia sumarse nun principio, finalmente rexeitou participar deste novo paquete de medidas que permitía a instalación de puntos wifi gratuítos.

Méndez destacou que a Deputación puxo en marcha este plan para que “todos os lucenses, vivan onde vivan, conten coas mesmas oportunidades de acceder ás novas tecnoloxías, loitando así contra a fenda dixital”. A Vicepresidenta Segunda tamén destacou o feito de que estender o uso das novas tecnoloxías sexa unha das armas básicas que os expertos destacan para facer fronte ó despoboamento demográfico.

Ademais deste servizo de conexión a rede wifi gratuíta en prazas e consistorios, o Innova-TE permitiu otras prestacións como a mellora da calidade do servizo de banda longa; asesoramento para optimizar o uso da sede electrónica implantada na primeira fase do Innova-Te; a creación de novos portais web e a actualización de contidos xa existentes, así como a posta en marcha dun servizos de asesoramento tecnolóxico personalizado para resolver calquera dúbida dos Concellos.

30 empresas mariñanas no Reacciona coas TIC

Tamén ó abeiro deste plan, o programa de impulso das Tic entre Pemes e autonómos da provincia, Reacciona coas TIC, un total de 30 empresas da Mariña puideron, grazas ó uso de software e formación gratuíta que o organismo provincial puxo á súa disposición, aumentar a súa competitividade. Negocios de Burela (9); Foz (4); Lourenzá (4); Ribadeo (5); Trabada (2); Viveiro (4); Ourol (1) e A Pontenova (1), que desenvolven diversas actividades como pescaderías, talleres, transporte de mercadorías ou comercios minoristas, obtiveron grazas a 40.000 euros deste programa -​​dotado con 200.000 euros-, as ferramentas tecnolóxicas necesarias para mellorar a súa xestión e competitividade no mercado de xeito totalmente gratuíto.

Como paso previo á posta en marcha das medidas necesarias, técnicos da Deputación realizaron en cada entidade participante un estudo individualizado e exhaustivo, cuxos resultados amosarían as posibles necesidades de mellora en formación e uso de Tics. Tras estas auditorías a Deputación instalou, a custe cero, diferentes solucións informáticas ó tempo que organizou obradoiros formativos en novas tecnoloxías para empresarios e traballadores, en materias como marketing e redes sociais; xeoposicionamento e xeomarketing; fidelización de clientes con boletíns electrónicos, ou aproveitamento dunha web ou blog empresarial.

A visita rematou cunha xuntanza cos responsables dunha destas empresas, radicada en Viveiro, Kiara, dedicada ó comercio minorista de moda téxtil e complementos, que deu conta ós responsables provinciais da súa experiencia particular no programa. De feito, a raíz da súa participación no Reacciona coas Tic, deron finalmente o salto á venda online.

Durante a xornada a Vicepresidenta Segunda e a Alcaldesa de Viveiro mantiveron un encontro con representantes dos 150 establecementos membros da Asociación Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, no que estes trasladaron as súas inquedanzas de cara ó futuro e a súa intención de poñer en marcha máis medidas de dinamización do sector.