Deputación de Lugo

A Deputación habilitará o Salón de Plenos para seguir o #INLUGO14, tras esgotar as 200 prazas dispoñibles en menos dunha hora

Imaxe deputación de lugo
- O novo prazo de inscrición para poder seguir o Congreso íntegro a través da pantalla xigante que se instalará neste Salón, abrirase este martes a partires das 12:00 horas en www.deputacionlugo.com ou www.inlugo.com
- O prazo de presentación de candidaturas para os Premios INLUGO, ó bó facer de proxectos lucenses no ámbito dixital nas categorías de Comercio, Ocio e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía, continúa aberto ata o 4 de xuño

O Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO14, que se celebrará os días 6 e 7 de xuño, está a superar o éxito acadado o pasado ano na súa estrea. O feito de que as 200 entradas dispoñibles inicialmente para seguir o evento no Salón de Actos do Pazo de San Marcos estiveran esgotadas en menos dunha hora é proba de que este Congreso xa se ten convertido en referente galego da cultura dixital.

Ante a extraordinaria acollida, que mesmo superou as cifras do pasado ano -cando as entradas se esgotaron en seis horas-, a Deputación habilitará o Salón de Plenos, no que quedará instalada unha pantalla xigante que emitirá o Congreso en directo. Para poder seguir o desenvolvemento de todas as actividades dos días 6 e 7 de xuño dende este Salón, os interesados poderán facerse coa súa entrada a partires das 12:00 horas do martes, 3 de xuño, nas web www.deputacionlugo.com ou www.inlugo.com. As inscricións faranse por rigorosa orde de entrada de solicitudes.

De calquera xeito, todos os que non poidan achegarse ata o Pazo de San Marcos durante a fin de semana, poderán seguir en directo o evento, ó igual que na primeira edición, a través das redes sociais co hashtag #inlugo14, e en directo, vía streaming, grazas ó traballo dos alumnos da Fundación TIC.

Reputados ponentes
O Congreso contará con destacadas figuras como Ramón Lobo, xornalista de raza, escritor de éxito, blogueiro e corresponsal de guerra nos conflitos bélicos como os de Bosnia, Kosovo, Chechenia, Irak, Afganistán, Serra Leona, Liberia ou Ruanda, quen falará sobre o intenso momento que vive o xornalismo dixital; Carlos Fernández, responsable do éxito de @policia, o corpo de seguridade con máis seguidores en Twitter a nivel mundial tras desbancar ó FBI; Pepo Jiménez, @kurioso, responsable da plataforma que monitoriza os contidos da rede máis exitosos; Delia Rodríguez, redactora do Huffington Post, experta en Internet e autora de “Memecracia”, onde relata o fenómeno dos memes e virais, así como a súa influencia na sociedade; Efrén Vázquez, lucense que participou no concurso Master Chef falará sobre a moda gastronómica e a influencia das redes sociais no sector; Clara Ávila, blogueira de referencia, galardoada co premio Bitácoras ó mellor blog tecnolóxico por “La Chica del Facebook”; Carlos Guadián, editor dende 2003 de K-Government, un dos blogs referenciais do Goberno Aberto; Cristina Juesas, asesora do proxecto do Goberno Aberto do Executivo Vasco, pioneiro en España; Paloma Abad, coordinadora do suplemento de moda, gastronomía ou tecnoloxía do País Semanal; Laura Pintos, redactora xefe de mujerhoy.com. Xunto a eles, haberá representantes da blogosfera lucenses, como Elio Laureano, Hugo Iglesias, Rubén Pérez, Santiago Martínez..., ata completar un cartel de case 30 ponentes, que contan con miles de seguidores nas redes sociais.

Candidatos ós Premios INLUGO
O prazo de presentación de candidaturas para optar á segunda edición dos Premios INLUGO, que recoñecen aquelas iniciativas, persoas e organizacións da provincia que están a destacar no bo uso de Internet e as novas tecnoloxías, continúa aberto ata o 4 de xuño.

Todos os que desexen participar aínda están a tempo de facelo, para o cal só terán que cubrir o formulario dispoñible en http://www.inlugo.com/premios-inlugo/, co seu nome, teléfono de contacto e correo electrónico, tendo ademais a posibilidade  de adxuntar todos os documentos que desexen para avalar os seus méritos. As categorías do certame son: Comercio, Lecer e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Social; e Tecnoloxía.

Rematado o prazo para a presentación de candidaturas, un xurado formado por membros da Deputación será o encargado de elixir ós gañadores dos galardóns que se entregarán o día 7 de xuño, como broche final ó congreso #INLUGO14. Os gañadores recibirán unha figura-galardón e un iPad mini de última xeración cedidos, de xeito totalmente gratuíto, pola compañía Telefónica.

Máis información sobre calquera aspecto relativo ó Congreso #INLUGO en www.deputacionlugo.com e www.inlugo.com,