Deputación de Lugo

A Deputación adiantará este ano 29 millóns de euros a 56 Concellos pola recadación de impostos

García Porto explicou que son os municipios sumados ó novo convenio do servizo de recadación, que permite anticiparlles 2,5 millóns de euros ó mes “Conseguimos que as entidades locais obteñan recursos e gañen liquidez, ó igual que os nosos provedores, ó ser a Deputación de Galicia que máis rápido paga, cunha media de 8 días” As Nogais é o último Concello en sumarse ó novo convenio. No 2013, a Deputación adiantou máis de 25 millóns de euros, 2,2 millóns de euros ó mes, a 55 municipios

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, avanzou hoxe que a institución adiantará este ano 29 millóns de euros a 56 Concellos lugueses pola recadación dos seus impostos. Pilar García Porto explicou que se tratan dos municipios sumados ó novo convenio do servizo recadación provincial, a través do cal se realiza este anticipo de xeito mensual, polo que o organismo provincial adiantará 2,5 millóns de euros ó mes.

García Porto remarcou que “ó igual que creamos a área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, melloramos notablemente o servizo de recadación provincial, cun novo convenio que nos permite adiantar ós municipios os cartos pola recadación dos seus impostos e facelo, ademais, mes a mes. O convenio anterior do Partido Popular non permitía isto, e retiña ós Concellos o 6%, que nós rebaixamos ata o 3%, non cubrindo, nin tan sequera, os custes que supón esta prestación”.

“É dicir, con esta iniciativa os municipios aforren custes, xa que de non delegar a recadación deste servizo, os Concellos deberían dispor de persoal especializado e aplicacións informáticas, que custan entre 200.000 e ata 1 millóns de euros. Conseguimos, ademais, que as entidades locais obteñan novos recursos mes a mes e gañen liquidez”.

Precisamente, con estes mesmos obxectivos (obter recursos e gañar liquidez), a de Lugo é a Deputación de Galicia que máis rápido paga ós seu provedores, cunha media de 8 días, moi por debaixo do que fixa a Lei. “Melloramos os nosos servizos e investimentos, ó tempo que somos capaces de rebaixar a débeda en 11 millóns de euros no 2014, situándonos á cabeza dos organismos provinciais de España menos endebedados”, destacou a Deputada.

56 Concellos

Este ano, os 56 Concellos ós que a Deputación lles adianta mes a mes a recadación dos seus impostos son: As Nogais (a última e recente incorporación); Abadín, Antas de Ulla, Alfoz, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castroverde, Castro de Rei, Cervantes, Cervo, Cospeito, O Courel, A Fonsagrada, Guntín, Guitiriz, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, Pol, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Xermade e Xove.

Anticipo no 2013

As Nogais foi o último Concello en sumarse, recentemente, ó novo convenio. No 2013, foron 55 os municipios beneficiados desta iniciativa, ós que a Deputación lles adiantou máis de 25 millóns de euros, uns 2,2 millóns de euros ó mes. (ADXÚNTASE LISTAXE COAS DISTRIBUCIÓN DOS ANTICIPOS POR MUNICIPO).

Hai 6 Concellos sumados ó sistema de recadación provincial a través do anterior convenio do PP, polo que non reciben anticipos mensuais e non se lles rebaixa ó 3% a retención do recadado. Trátanse de Viveiro, O Incio, Outeiro de Rei, Friol, O Corgo e Burela.

Con estes municipios, son 62 os Concellos que teñen delegada na Deputación a recadación de impostos como o IBI, IAE, imposto de circulación, imposto de entrada de vehículos, taxas de lixo, auga, sumidoiros ou antenas parabólicas.

Á espera do peche do exercicio (hoxe é o último día para o pago do IBI), a previsión é que estes 62 municipios reciban 33 millóns de euros coa recadación dos seus impostos no 2013. Desta cantidade, a Deputación anticipou máis de 25 millóns de euros a 55 Concellos.