Deputación de Lugo

Martínez aclara que a xustiza tacha de 'inadmisible' e pouco exemplar a conduta de Balado mentres respalda a 'lealdade' da Deputación

Imaxe deputación de lugo
O voceiro destaca que “o Alcalde de Castro de Rei tenta ocultar a súa deixadez e ineficacia, cargando contra a Deputación, mentindo e poñendo falsas escusas que tumbou a xustiza” A sentenza desmonta os argumentos “de ningún xeito admisibles” de Balado mentres sitúa o labor da Deputación “lonxe dunha posición de deslealdade institucional”

“O Alcalde de Castro de Rei tenta agora ocultar a súa deixadez e ineficacia, cargando contra á Deputación, mentindo e poñendo falsas escusas que tumbou a xustiza nunha sentenza que tacha de inadmisible e pouco exemplar a súa conduta como máximo representante dunha Concello mentres respalda a lealdade coa que actuou a Deputación”.

Así o destacou este sábado o voceiro provincial socialista tras coñecer as xustificacións do Rexedor chairego sobre a sentenza coa que a xustiza lle obriga a devolver á Deputación os 360.000 euros que lle anticipou para obras que nunca executou.

Manuel Martínez subliñou o que, textualmente, apunta a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Lugo para desmontar os argumentos de Balado, aclarando que:

1.- A xustiza deixa claro que o organismo provincial actuou con lealdade institucional, pois a sentenza dice, “...a administración provincial, lonxe de amosar unha posición de deslealdade institucional, á que a demandante (Balado) acusa a esa no seu escrito de demanda, acordou a prórroga mediante a modificación, entre outras, da cláusula sétima, en materia de prazo”.

2.- A xustiza destaca as xustificacións inadmisibles de Balado e a súa conduta pouco exemplar. “Non resultaría en ningún modo admisible que o feito de que a parte que obtén a subvención sexa unha administración pública sexa un motivo de dispensa de cumprir as normas xerais de tramitación esixibles a calquera cidadán: antes ben, a súa posición de administración cuxa obriga explícita é servir ós intereses xerais do pleno sometendo á lei ao dereito deberá facela tributaria sempre dunha conduta exemplar no cumprimento tamén das normas de tramitación”.

O voceiro subliñou que “ a sentenza é clara. Balado perdeu unha subvención de 360.000 euros pola súa nefasta xestión e deixadez. A Deputación actuou con lealdade, adiantándolle os cartos e ampliándolle o prazo de execución das obras. Fixemos todo o posible, esgotamos todas as vías legais pero Balado non as aproveitou. De ningún xeito os veciños de Castro de Rei van a pagar as consecuencias da deixadez e actitude inadmisible de Balado. A Deputación seguirá a investir neste Concello, que xa é o municipio lugués no que estamos a facer o maior esforzo económico, posto que xa achegamos case 12 millóns de euros á construción do 1º centro público en España de recría de gando vacún”.

Cronoloxía dos feitos

No 2011, a Deputación de Lugo asinou un convenio de colaboración co Concello de Castro de Rei mediante o cal o organismo provincial lle financiaba melloras nas traídas de auga das parroquias de Quintela, Bendia, Duarría, Loentia e Ribeiras de Lea. Tamén se establecía que o prazo de vixencia do convenio culminaba en decembro dese ano. Por este motivo, co fin de garantir a execución das obras e tendo en conta que a achega da Deputación procedía do seu Presuposto para 2011, a institución adiantou ó Concello o orzamento.

A piques de rematar o prazo de vixencia do convenio, o Alcalde pediu unha prórroga porque tiña sen realizar gran parte das obras malia ter o presuposto do organismo provincial nas arcas do Concello. A Deputación puido entón conceder a Balado un segundo prazo máximo e legal de dous meses para executar as obras, que o Alcalde non aproveitou, posto que non avanzou nos traballos.

Balado pediu entón outra prórroga para un terceiro prazo, que a Deputación neste caso xa non lle puido conceder, posto que o convenio deixara de estar en vigor. Polo tanto, sen máis marxe legal para poder solventar esta situación, o organismo provincial viuse na obriga de solicitar ó Alcalde a devolución dos cartos que lle adiantara para unhas obras que nunca executou. Pola contra, o Alcalde optou por presentar un recurso contencioso contra a Deputación, que a xustiza tumba por considerar os seus argumentos “en ningún modo admisibles”.