Deputación de Lugo

A Deputación adiantou 660.000 euros ós Concellos do Sur para as nóminas dos traballadores do plan de emprego

- É o 90% do orzamento que lle corresponde á Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga, Samos e O Incio para pagar ós lucenses, que estaban no paro, contratados durante 15 meses para mellorar servizos públicos municipais co plan de emprego da Deputación
- Miguel Ángel Sotuela mantivo hoxe un encontro cos beneficiados deste programación, coa que a Deputación combate o abandono da Xunta nos Concellos de menos de 5.000 habitante e da Rede Natura, excluídos das escolas taller e obradoiros do Goberno galego dende 2009

A Deputación adiantou á Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga, Samos e O Incio 660.000 euros. Trátase do 90% do orzamento que lle corresponde a estes Concellos para pagar as nóminas e custes da seguridade social dos 28 traballadores contratados 15 meses co plan de emprego da Deputación para municipios de menos de 5.000 habitantes e da Rede Natura, excluídos das escolas taller e obradoiros da Xunta dende 2009. A institución concédelles este anticipo consciente da situación das arcas locais. O 10% restante, que suma 73.100 euros, ingresarallo nos vindeiros meses. Con estes ingresos, o plan de emprego supón custe cero para os Concellos. 

O Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, mantivo este mércores un encontro con beneficiados desta programación, todos eles lucenses que estaban no paro, coa que a institución luguesa combate o abandono da Xunta, posto que, non só crea traballo directo e de calidade, senón que mellora as dotacións públicas nos municipios con menor capacidade económica, combatendo o despoboamento demográfico no rural.

Os 28 traballadores están a levar a cabo obras no medio rural, intervencións en espazos públicos e naturais, medidas preventivas en defensa do medio ambiente..., en definitiva, priorizan as necesidades imprescindibles para o benestar dos veciños de ditos municipios do Sur lugués. Farano durante 15 meses, prazo do seu contrato, a diferencia dos obradoiros de emprego doutras administracións, nos que os desempregados traballan só 6 meses.

Traballadores e subvención
Os Concellos foron os encargados de realizar os procesos de persoal. O número de traballadores por Concello determinouse polo número de habitantes, cun máximo de 11 para Concellos de ata 5.000 habitantes e un mínimo de 4 para os de menos de 500. O presuposto que en total achega a Deputación ós Concellos da zona Sur é de 733.137 euros. O reparto deste orzamento é o seguinte: Quiroga, 3.595 habitantes, 8 traballadores e 216.120 euros; Ribas do Sil, 1.058 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; Samos, 1.556 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; O Incio, 1.875 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; e A Pobra do Brollón, 1.968 habitantes, 5 traballadores e 111.792 euros. Neste último caso, o orzamento é inferior porque o propio Concello solicitou que as retribucións destes traballadores sexan iguais ás do persoal municipal que desenvolve funcións semellantes.