Deputación de Lugo

Gómez Besteiro inaugura o 1º encontro das Confederacións de Asociacións Veciñais de Galicia e Castela e León

- Jesús Vázquez anunciou que en xuño se iniciarán as reunións veciñais para elaborar os primeiros orzamentos participativos dunha Deputación en España: a de Lugo no 2015 - A participación cidadá na xestión pública, o despoboamento, o paro xuvenil, a desaparición dos partidos xudiciais ou a Lei de Tráfico, son os temas a debater - COGAVE e CAVECAL remitirán a todas as administracións públicas de Galicia e Castela e León as conclusións da xornada de hoxe, na que participan 100 dirixentes veciñais

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este sábado as xornadas das Confederacións de Asociacións Veciñais de Galicia e Castela e León, que se celebran hoxe na capital luguesa. Foi nun acto no Pazo de San Marcos, no que tamén participaron os Presidentes de COGAVE, Jesús Vázquez, e de CAVECAL, José María Collados, o Tenente Alcalde de Lugo, Luis Álvarez, e o Concelleiro de Servizos Xerais, Manuel Núñez.

É o 1º encontro entre as Confederacións Veciñais de Galicia e Castela e León. Hai 8 anos, a Confederación galega reuniuse coa asturiana, sendo o único precedente. Tras intercambiar experiencias cos colectivos de Asturias, COGAVE celebra esta xornada para facer o mesmo coas de Castela e León, as dúas Comunidades limítrofes con Galicia. Son 100 dirixentes veciñais os que participan (50 galegos das 4 provincias e 50 castelo leoneses das 9 provincias). Avaliarán a situación do movemento veciñal nas respectivas Comunidades, as súas demandas e problemas, con fin de consensuar solucións. Para elo, estarán reunidos ó longo do día de hoxe, uns na Deputación de Lugo e outros no local de COGAVE en Luis Ameixide. Ás 21:00 horas, xuntaranse para redactar conclusións. COGAVE e CAVEGAL remitirán a todas as administracións públicas de Galicia e Castela e León as súas peticións.  

Presupostos participativos
O tema estrela que debaterán será a participación cidadá na xestión pública. COGAVE e CAVECAL reclaman presupostos participativos, posto que non hai experiencias en ningunhas destas Comunidades. A de Lugo será la 1º Deputación en España en contar orzamentos participativos no 2015. Os 130 colectivos lucenses de COGAVE, con 15.000 socios, colaboran coa Deputación na súa elaboración. Jesús Vázquez anunciou que xa está pechada a planificación para iniciar en xuño as reunións por toda a provincia cos veciños.

Outros temas a debate
Outros dos temas que avaliarán son os seguintes:
- Relación veciñas coas administracións públicas. Jesús Vázquez destacou a “excelente relación” coa Deputación de Lugo, pois concede a COGAVE una subvención anual de 12.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades como, por exemplo, Entre Veciños, un programa solidario pioneiro en Galicia, que busca a inserción laboral, integración de estranxeiros e atención a persoas sen recursos económicos. Tamén financia o Día do Veciño, que reúne a máis de 3.500 persoas; subvenciona máis de 300 hortos ecolóxicos no Rato, sendo unha das primeiras administracións en España que o fai; ou suma esforzo en campañas como a da reclamación de servicios sanitarios para o HULA.

- Despoboamento. Castela e León é, ó igual que Galicia, unha das Comunidades de España máis afectadas polo despoboamento demográfico. Segundo datos do INE, o 30% da poboación de Castela e León ten máis de 60 anos; o 30% entre 40 e 59 anos; o 24% entre 20 e 39 años; e o 16% entre cero e 19 años. En Galicia, o 29,5% da poboación é maior de 60 anos; o 28,5% ten entre 40 e 59 anos; o 26% entre 20 e 39 anos; e o 16% entre cero e 19 anos. As mesmas fontes apuntan que, nos próximos 10 anos, Castela e León perderá o 7,8% da súa poboación, uns 195.300 habitantes. Galicia perderá o 5,3%, uns 147.700 habitantes. A Deputación de Lugo foi a 1º administración en Galicia en dar a voz de alarma ante a sangría demográfica e a actuar para facerlle fronte.

- Paro xuvenil. Os últimos datos públicos destacan que o 49,80% dos menores de 25 anos de Castela e León están no paro. En Galicia, esta porcentaxe é do 49,50%.

- Desaparición de Partidos Xudiciais. En Castela e León hai 40 partidos xudiciais, dos que poderían pechar 25 co anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, presentado polo Goberno Central. En Galicia hai 45 e témese polo peche de 41. A Deputación de Lugo conseguiu aprobar por unanimidade un acordo plenario para esixir o mantemento dos 9 partidos xudiciais. O Goberno Central pretende pechar 8, os de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte, Sarria, Vilalba e Viveiro. Quedaría so o da capital, privando ó 60% dos lucenses dunha xustiza accesible, que sería máis cara, e favorecendo o despoboamento demográfico no rural.

- Lei de Tráfico. Castela e León, ó igual que Galicia, destaca por ser unha Comunidade cinexética. A nova Lei de Tráfico obriga ós cidadáns a pagar o 100% dos danos ocasionados en sinistros de tráfico por animais. A de Lugo foi a 1ª Deputación en Galicia e a cuarta en España en poñer en marcha no 2009 un programa para reducir os danos da fauna salvaxe nos cultivos dunha maneira respectuosa co medio ambiente. Esta iniciativa contribúe a evitar posibles accidentes pola irrupción de animais nas estradas. Consiste na plantación de variedades de trigo e millo en parcelas estratéxicas, conducindo ós animais por rutas determinadas e desviándoos das vías. Polo de agora, hai 170 hectáreas plantadas, acadando unha redución nas perdidas de gandeiros e agricultores de ata o 70%.