Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DE LUGO INFORMA

Imaxe deputación de lugo

Ante as informacións aparecidas nos medios de comunicación,

1º.- En ningún momento se rescindiu o contrato con Alcor; a finalización do contrato debeuse ó remate da duración temporal do mesmo.

2º.- Ó longo do ano 2013, Alcor presentou ante a Deputación de Lugo unha serie de facturas, por importe total de 91.590 euros, nas que se apreciaba un claro sobrecuste, xa que os importes reflectidos superaban entre un 20% e un 40% os prezos medios de mercado.

Ante este feito, a Deputación requeriu a Alcor xustificación detallada e razoada de ditos importes ou adecuación dos mesmos ós prezos de mercado, para o cal se lle remitiron á empresa as facturas orixinais.

A día de hoxe, a Deputación de Lugo non recibiu nin debida xustificación nin rectificación das cantidades axustadas ós prezos de mercado, de xeito que non é posible proceder ó pagamento por non dispoñer de ningún documento orixinal xustificativo de ditos servizos axustados ó prezo real de mercado.

3º.- A Deputación de Lugo foi a primeira institución pública de Galicia e a primeira Deputación de España que incorporou cláusulas sociais en tódolos contratos de servizos.

A Deputación aplica este modelo de contratación socialmente responsable porque aposta por un emprego de calidade, blindando ós traballadores das firmas que prestan un servizo a esta institución, ó esixir por escrito que se garantan durante toda a relación contractual, tanto o número de empregados, como as súas condicións laborais, tipo de contrato e soldo.

Deste xeito, o organismo lugués impide que algunha empresa aproveite e se escuse en leis nefastas, como a reforma laboral do Goberno central, para vulnerar os dereitos dos traballadores en favor de despedimentos en precario ou baixadas de soldo.

A contratación de servizos como a vixilancia, a limpeza, o Centro de Atención ó Usuario, o proxecto europeo de Goberno Intelixente ou a aula de formación itinerante, contan con pregos que inclúen cláusulas sociais, establecendo así rigorosos mecanismos de control e consecuencias para as empresas que vulneren as obrigas sociais; impedindo unha baixa desproporcionada ou anormal na oferta económica a costa de reducir os custes laborais e esixindo ás empresas que, ante posibles cambios nas relacións laborais, apliquen sempre o convenio máis favorecedor para os traballadores.