Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo, pioneira en solicitar o dominio .gal

Imaxe deputación de lugo
- A institución provincial rexistrou a petición o día 2 de xuño dentro do Programa Pioneiros, no que se inscribirán os primeiros 90 dominios de administracións públicas, empresas e entidades sen ánimo de lucro
- Os expertos destacan que o uso deste dominio ofrecerá un retorno económico directo; mellorará o desenvolvemento da Internet galega e ofrecerá máis visibilidade na rede á lingua galega
- Esta iniciativa nacida no ano 2006 consta de tres fases: Pioneiros, Abrente e Carreira, e culminará en decembro de 2014 cando o público en xeral poderá acceder ó seu propio dominio .gal

A Deputación de Lugo vén de solicitar, ó pasado día 2 de xuño, o .gal para o seu dominio de Internet, o que a convertirá en pioneira entre as administracións galegas en ser titular dun dominio de primeiro nivel. Unha vez dita solicitude sexa admitida e aprobada pola Asociación Puntogal, encargada de avaliar as candidaturas presentadas, a presenza da institución luguesa na rede pasará do www.deputacionlugo.org ó www.deputacionlugo.gal.

A Deputación formalizou a súa petición o primeiro día do prazo dispoñible dentro da fase inicial, chamada Programa Pioneiros. Esta fase, que se desenvolverá ata o vindeiro 25 de xullo, culminará coa posta en marcha de 90 sitios de administracións públicas, empresas e entidades sen ánimo de lucro. Entre estes pioneiros estará, con toda seguridade, a institución provincial, xa que cumpre con todos os requisitos esixidos, entre os que destacan os de empregar a lingua galega nas súas comunicacións en liña; promover os diferentes aspectos da cultura galega na rede e dirixir especificamente á comunidade galega as súas comunicacións e servizos.

Entre as múltiples vantaxes que, segundo os expertos, ofrecerá o uso deste dominio hai que destacar a do retorno económico directo que suporá, xa que dende o punto de vista empresarial os produtores ou comercializadores de produtos galegos contarán cun plus de calidade e posicionamento de mercado. Outras vantaxes que traerá consigo este dominio serán as de tipo simbólico, xa que será un factor de cohesión que incrementa o sentimento de pertenza a unha comunidade; as relativas á normalización lingüística, ó ofrecer máis visibilidade na rede á lingua galega; as que mellorarán o desenvolvemento da Internet galega, facilitando o labor dos buscadores para as consultas que se realicen en galego ou sobre Galicia.

Entre os 90 pioneiros do .gal
A iniciativa posta en marcha para acadar unha marca galega na rede naceu oficialmente o 10 de xuño de 2006 coa posta en marcha da Asociación Puntogal que contou, tal e como destacan os responsables de dita Asociación, co apoio decidido do Goberno autonómico presidido por Pérez Touriño. Logo dunha primeira etapa de traballos previos, o 29 de maio presentouse de xeito oficial a candidatura para contar con este dominio de primeiro nivel, proceso superado o 15 de xuño de 2013. Para acadar este resultado positivo foi preciso contar co apoio de administracións, empresas, entidades culturais e da cidadanía en xeral, que deixou claro que esta era unha reivindicación que contaba co seu apoio popular ó acadar 13.000 sinaturas e o aval de centos de entidades.

O proceso posto en marcha para estender o uso do primeiro dominio galego, consta de tres fases. A primeira delas, a citada Pioneiros, rematará o vindeiro 25 de xullo, e estará seguida pola fase Abrente. A esta fase, enfocada á protección de dominios de interese público de entidades tanto públicas como privadas, seguiralle a chamada Carreira, na que se poderá acceder, mediante a poxa por direccións especialmente atractivas, a enderezos que non teñan dereitos preferentes. Finalmente, en decembro deste ano chegará o momento da fase aberta, na que o público en xeral poderá acceder ó seu propio dominio .gal.