Deputación de Lugo

A Deputación organiza en Mondoñedo dous seminarios sobre produción e agricultura ecolóxica

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación celebra o mes da cultura ecolóxica con varios seminarios sobre a comercialización e elaboración de produtos que arrincan coas de hoxe e do 28 de xuño en Mondoñedo
- Os seminarios, que terán lugar en diferentes Concellos da provincia, contarán coa participación de poñentes expertos en agricultura e sistemas de produción ecolóxica
- A agricultura ecolóxica está en auxe na nosa Comunidade, cun aumento do 2,81% de superficie inscrita no Consello Regulador e dun 8,22% na provincia de Lugo o pasado ano

A Deputación de Lugo organiza unha serie de xornadas abertas e gratuítas dedicadas á agricultura ecolóxica, que arrincan no Concello de Mondoñedo coas que se celebrarán hoxe e o vindeiro día 28 de xuño, respectivamente. Os seminarios, que contarán con reputados expertos no ámbito, tratarán acerca da comercialización de produtos ecolóxicos, así como da produción dos cultivos necesarios para a elaboración artesá e comercialización de determinados produtos, como a cervexa.

O seminario que se celebra hoxe a partires das 16:00 horas e ata as 20:00 horas, versará acerca das posibilidades de mercado e comercialización de produtos ecolóxicos, e está dirixido a profesionais do sector ecolóxico e convencional, técnicos ou titulados universitarios relacionados co sector, así como público en xeral interesado no tema. Este seminario contará coas poñencias de Carlos Brea, perito agrícola e especialista en en agricultura ecolóxica; Ernesto Sánchez Salgado, Director Técnico de Craega; e rematará cunha mesa redonda na que se abordará a comercialización de produtos ecolóxicos a nivel autonómico, nacional e mundial.

O seminario que se celebrará o día 28 de xuño, entre as 10:00 e as 14:00 horas, estará centrado na produción dos cultivos necesarios para a elaboración de cervexa artesá e a súa comercialización. Nesta ocasión, os encargados das poñencias serán Carlos Brea, perito agrícola e especialista en agricultura ecolóxica; Benigno Ruíz, profesor no departamento de Produción Vexetal, da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, na Universidade de Santiago de Compostela; Bernardo Prieto, profesor no Departamento de Hixiene e Tecnoloxía dos Alimentos, na Facultade de Veterinaria da Universidade de León. Tamén haberá unha mesa redonda formada polos anteriores poñentes e comerciantes de cervexas artesás, e que expoñerán as súas estratexias para a venda de cervexa, así como as necesidades do mercado. Nesta mesa van ter especial relevancia os asistentes, xa que poderán realizar as preguntas que desexen.

A agricultura ecolóxica vive un momento de auxe na nosa Comunidade, xa que a superficie inscrita no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia aumentou un 2,81%, sendo maior no caso da provincia de Lugo, cun crecemento do 8,22% o pasado ano. Ademais, Galicia rexistra 523 produtores e 133 elaboradores, o que supón un crecemento do 8,07% respecto ó ano 2012.