Deputación de Lugo

O Presidente recibe ós directores dos centros asociados da UNED, que celebran por 1ª vez en Lugo a súa reunión anual

“Estamos a punto de completar o reto que nos marcamos de dotar a Lugo dunha sede moderna que se converterá no centro de referencia da Universidade a Distancia no noroeste de España”, subliñou o Presidente

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ó equipo de Goberno da UNED e ós directores dos centros asociados de España e o estranxeiro, que celebran entre hoxe e mañá a súa reunión anual, a primeira que organizan na capital lucense. Gómez Besteiro destacou durante o acto, no que participou o Alcalde lucense, José López Orozco, que o organismo provincial “está a punto de completar o reto” que se marcou de dotar a Lugo dunha sede moderna, “que estará á altura da experiencia e a calidade da ampla oferta académica que esta Universidade ofrece ano tras ano, ademais de converterse no centro de referencia no noroeste de España”.

O Presidente lembrou que con este novo centro, a Deputación salda unha débeda coa UNED e coa súa comunidade educativa. “Despois dun investimento de máis de un millón de euros e despois de superar numerosas trabas coas que algunhas administracións quixeron castigar ós lucenses, estamos chegando ó final dun camiño que iniciamos hai 7 anos, cando chegamos ó Goberno da Deputación e nos marcamos como un dos nosos obxectivos, compartidos co Alcalde, que Lugo deixase de ser a única provincia española sen sede para a UNED”, explicou Besteiro.

As novas instalacións, financiadas en solitario polo organismo provincial, suporán un aforro de máis de 100.000 anuais á Universidade a Distancia polo aluguer da actual sede. O centro estará dotado de 16 aulas laboratorio; conexión a Internet de 10 megas; biblioteca de acceso público; ou salón de actos, que será o novo buque insignia da UNED.

O Presidente subliñou así mesmo o “intenso compromiso que esta Deputación ten coa Educación Universitaria, un dos piares fundamentais das sociedades modernas e desenvolvidas, instrumento clave para o progreso persoal, social e económico”. Besteiro fixo un expreso recoñecemento ó labor que fai a UNED na provincia, tanto en Lugo, como en Viveiro, Foz e Monforte.