Deputación de Lugo

A Deputación lamenta “unha semana negra para Lugo”

Imaxe deputación de lugo
- Martínez denunciou  que “a condena á de Núñez Feijóo ós lucenses é someternos á discriminación da saúde, un dereito fundamental”, que provoca que “enfermar en Lugo sexa máis caro dende o punto de vista humano, familiar e económico”
- O voceiro provincial destacou que  Feijóo e o Partido Popular intentan “cercenar Lugo” recortando en dereitos e servizos, tralo rexeitamento do PP no Senado a que Lugo entre no mapa da Alta Velocidade
- A Xunta de Goberno aprobou unha declaración institucional en defensa dos dereitos de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, e instando a todos os poderes públicos a garantir mecanismos de colaboración con este colectivo

A Deputación de Lugo lamentou hoxe unha “semana negra” para Lugo, tal e como destacou Manuel Martínez, logo de que o PP votara en contra da posta en marcha de servizos sanitarios básicos no HULA e da construción do Museo da Romanización durante o Pleno provincial do pasado martes, e no Senado rexeitara retomar o proxecto da estación intermodal que situaría a Lugo no mapa da Alta Velocidade.

O voceiro provincial socialista denunciou a actitude de Núñez Feijóo, que “continúa coa súa campaña de acoso e derribo contra os lucenses, tratando a todos os veciños e veciñas desta provincia como cidadáns de terceira”, logo da multitudinaria manifestación celebrada onte, na que milleiros de lucenses saíron á rúa para esixir á Xunta a posta en marcha no HULA de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, servizos prometidos por Feijóo no 2011. “Onte puidemos ver nas rúas desta cidade como os lucenses saben perfectamente que a Xunta de Galicia os está a castigar do xeito máis vergoñento e terrible, antepoñendo, como é habitual no señor Núñez Feijóo, os seus propios intereses partidistas e sectarios ó benestar, á calidade de vida e ós dereitos máis básicos da cidadanía”.

Martínez lembrou que Feijóo “prometeu en febreiro de 2011 que os lucenses terían servizos sanitarios básicos”, pero o único que teñen en xuño de 2014 é a ruta do cancro, unha condena inhumana a traslados dolorosos, interminables, en situacións lamentables, ida e volta día tras día, para poder recibir tratamentos médicos indispensables para a supervivencia”. Isto supón que “enfermar en Lugo sexa máis caro que na Coruña, Ourense e Pontevedra dende o punto de vista humano, familiar e económico”, engadiu.

O PP rexeita a Intermodal
Martínez tamén lamentou o rexeitamento do PP no Senado á petición de que o Goberno retome o proxecto da estación intermodal para Lugo. Este proxecto é fundamental para a provincia, xa que non só permitiría a modernización do transporte terrestre e a chegada do AVE á provincia, senón que permitiría unha maior cohesión e equilibrio na cidade e un importante pulo a zonas da capital como o Sagrado Corazón; As Gándaras; A Chanca; A Fervedoira; Paradai ou o Barrio da Estación.
O voceiro provincial denunciou que “a pesares de que ós lucenses se nos dicía continuamente que seguía adiante, e así o asegurou a Ministra de Fomento Ana Pastor nunha visita a Lugo a finais de 2013, a realidade era outra”, xa que o proxecto técnico que tiña que estar elaborado en setembro de 2013 sufriu unha importante demora que serviu para desvelar que ADIF, entidade do Ministerio de Fomento, firmara a paralización total da Estación Intermodal para Lugo, algo que se desvelou a través da prensa. Martínez quixo lembrar que “en plena campaña electoral de 2009 Feijóo afirmaba que a Xunta financiaría a chegada da alta velocidade a Lugo senón o facía o Goberno Central”, polo que tamén responsabilizou ó Presidente da Xunta de “estar a afogar a Lugo; está matando á provincia”.

Declaración institucional
A Xunta de Goberno celebrada hoxe tamén aprobou unha declaración institucional en defensa dos dereitos de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI), con motivo do Día Internacional polos dereitos deste colectivo que se celebra mañá. Este mesmo ano, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación do colectivo LGTBI, de xeito que a declaración institucional aprobada hoxe insta á Xunta a “acometer de xeito urxente a plena aplicación e desenvolvemento desta Lei”, con medidas como a dotación dun servizo de apoio e mediación para o colectivo, ou mercanismo que garantan a  implicación dos poderes públicos.

“Agardamos que o Día Internacional polos dereitos de das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais deixe de ser día de reivindicacións, porque iso significará que finalmente a sociedade acepta a realidade, que todos somos iguais e temos os mesmos dereitos”, destacou Martínez.
Outros asuntos
Outros dos asuntos aprobados hoxe na Xunta de Goberno foron a contratación, no marco do Plan Enerxético Provincial, de material enerxético para os Concellos de Sarria, Portomarín e Monforte de Lemos, en concreto 1.597 novos compoñentes enerxéticos que permitirán un aforro total nestes tres Concellos de 150.000 euros anuais -30.000 das auditorías realizadas; 80.000 coa compra de compoñentes e 40.000 de aforro estimado anual na factura da luz-.

Tamén se deu conta do inicio no mes de xullo da actividade do Barco Muralla de Lugo, a aula medioambiental coa que a Deputación ofrece a todos os Concellos de Lugo, de xeito gratuíto, numerosas actividades educativas e promocionais sobre a riqueza natural da provincia. Logo de acadar máis de 17.000 visitas de todas as idades, esta aula móbil voltará a promocionar os recursos naturais da provincia; os produtos autóctonos, ou os establecementos hostaleiros coas marcas Lugo Sabe e Lugo2, polas principais citas lúdicas e festivas do verán e posteriormente pasar a visitar os centros educativos lucenses. Esta iniciativa, enmarcada no proxecto Lug02, conta co 80% de financiamento de fondos europeos.