Deputación de Lugo

A Deputación achega 600.000 euros ó Plan de Roza, impulsando o emprego de 20 autónomos e Pemes lucenses

- A institución arranca esta programación a vindeira semana nos Concellos da Costa para progresivamente levala ós restantes municipios ata actuar nos 67 da provincia
- Martínez remarcou que “como nas anteriores edicións, poñemos en marcha este Plan agora, posto que realizalo antes obrigaríanos a ter que rozar dúas veces, duplicando custes”
- 70 operarios e 50 máquinas ocuparanse da roza, reforzando os dispositivos do Parque Móbil e da Conservación que atenden a rede viaria provincial máis extensa de España

A Xunta de Goberno Provincial aprobou este venres os derradeiros trámites legais e imprescindibles (os plans de seguridade e saúde no traballo) para poder iniciar o Plan de Roza na rede viaria provincial máis extensa de España con máis de 4.200 quilómetros. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “achegamos á roza das estradas provinciais dos 67 Concellos lucenses un total de 600.000 euros. 20 autónomos e pequenas empresas da provincia serán os encargados de executar estas actuacións, contribuíndo deste xeito ó mantemento do emprego en Lugo”.

Coa contratación destes profesionais, a institución luguesa despregará un novo dispositivo na rede viaria de máis de 70 operarios e 50 máquinas. Actualmente, outros 30 operarios e 25 máquinas, neste caso do Parque Móbil da Deputación, executan o pionerio plan de mellora da rede viaria provincial, acondicionando con rego asfáltico todos os puntos que así o requiren. Ademais, outros 104 operarios e 64 máquinas, do Plan de Conservación, actúan durante todo o ano as vías da institución. Deste xeito, serán un total de 204 operarios e 139 máquinas os que atenden os viales.

Dobre gasto
O organismo provincial arrancará o Plan de Roza a vindeira semana. “Como nas anteriores edicións, poñémolo en marcha agora, durante a época estival, posto que realizalo con anterioridade suporía un dobre gasto. Hai que ter en conta que, debido ás condicións meteorolóxicas que se rexistran durante esta tempada (a humidade, a temperatura...), levalo a cabo antes, obrigaríanos a ter que rozar polo menos dúas veces, duplicando os custes. Todas as administracións temos que optimizar os nosos recursos”, remarcou Martínez. O voceiro avanzou que esta programación se iniciará nos Concellos da Costa lucense, posto que son as estradas provinciais que máis incrementen o seu número de usuarios coa chegada de centos de visitantes ós areais. Progresivamente, levarase ós restantes municipios da provincia, actuando nos 67 e nos máis de 4.200 quilómetros de viales.

Centro de Recría
A sesión aprobou a contratación e instalación do sistema que permitirá transportar os 32.000 metros cúbicos de residuos que ó ano se xeren no Centro de Recría á planta de biogás de ditas instalacións públicas para convertelos en enerxía, proporcionando ata 300 kilovatios de potencia eléctrica e facendo que o centro sexa autosuficiente. A institución inviste nestes traballos 100.000 euros, que proceden da partida de 6 millóns de euros que, en solitario, achega a Deputación ás derradeiras obras do que é o 1º centro público en España de recría de gando vacún, que constrúe en Castro de Rei.