Deputación de Lugo

A Deputación ofrece formación gratuíta a 120 emprendedores para a posta en marcha dos seus negocios

-  A Vicepresidenta avanzou a posta en marcha do II Campus de Emprendemento Sostible na visita a 1 das 7 primeiras empresas creadas na anterior edición desta programación - O Campus ofrece gratis formación, visitas a empresas consolidadas e asesoramento individual para a xeración ou maduración dunha idea empresarial con éxito - O prazo de inscrición para os 6 obradoiros no Centro de Interpretación Terras do Miño en Lugo e en Cervantes está aberto en www.deputacionlugo.org ou no 982-22-78-12

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, xunto á Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, avanzou este mércores a posta en marcha da segunda edición do Campus de Emprendemento Sostible. Trátase da programación que ofrece formación gratuíta a 120 emprendedores para a creación de novos negocios nos 29 Concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. O prazo de inscrición xa está aberto en www.deputacionlugo.org ou no 982-22-78-12. “Este proxecto enmárcase na nosa aposta pola cultura emprendedora como saída laboral, pois impulsará novas empresas no rural, creando postos de emprego e combatendo o despoboamento demográfico” subliñou Méndez.

O II Campus de Emprendemento Sostible arranca con 6 obradoiros, con 20 prazas cada un, que terán lugar na cidade de Lugo e en Cervantes. Inclúen formación, visitas a empresas consolidadas e asesoramento personalizado. Existen dúas modalidades, segundo o perfil do emprendedor:

Campus de motivación e xeración de ideas: dirixido a aquelas persoas que estean a valorar a posibilidade de emprender. Explicaranse os principais elementos a ter en conta á hora de crear unha empresa e os instrumentos que contribúen a unha boa idea empresarial, como as oportunidade de negocio. As datas, horarios e lugares de celebración dos 3 obradoiros desta modalidade son as seguintes:

  • Centro de Interpretación Terras do Miño: 23-26 de xuño. De 10:00 a 14:00 horas.
  • Os Ancares-Cervantes: 7-10 de xullo. De 16:00 a 20:00 horas.
  • Centro de Interpretación Terras do Miño: 14-17 de xullo. De 16:00 a 20:00 horas.

Campus de maduración da idea empresarial: dirixido a aquelas persoas que xa teñan máis avanzada a súa idea de negocio. Traballarase a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira. As datas, horarios e lugares de celebración dos 3 obradoiros desta modalidade son as seguintes:

  • Centro de Interpretación Terras do Miño: 1-4 de setembro. De 10:00 a 14:00 horas.
  • Os Ancares-Cervantes: 8-11 de setembro. De 16:00 horas a 20:00 horas.
  • Centro de Interpretación Terras do Miño: 15-18 de setembro. De 16:00 a 20:00 horas.

Finalizado o Campus, haberá titorías nas que se prestará asesoramento personalizado, coas que continuar o traballo iniciado e poñer en marcha as ideas emprendedoras. 

Primeiras 7 empresas
A Vicepresidenta e a Deputada fixeron este anuncio durante o encontro que mantiveron cun dos participantes na primeira edición do Campus de Emprendemento Sostible. Trátase de Laura Santalla Castro, unha moza lucense que estaba no paro e abriu a empresa PK3 tras participar no Campus. É unha consultoría de obra civil, na que polo de agora traballan 2 persoas. Con esta entidade, son 7 en total as primeiras empresas creadas coa anterior convocatoria deste programa. Os seus sectores son os seguintes: agricultura ecolóxica, gandeiría ecolóxica, educación ambiental, turismo rural, ecoagroturismo e produción artesanal. Hai en marcha dende unha granxa de abellas, unha cantina e ata unha zoqueira. No I Campus, houbo 4 obradoiros en Terras do Miño e nos Ancares, nos que participaron 48 persoas. Na súa maioría, foron mozos de entre 26 e 35 anos, con estudos universitarios.