Deputación de Lugo

A Deputación inviste 624.400 euros na mellora das comunicacións da Montaña coa A-6

- A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de obras na vía As Nogais-Torés-Armesto, principal acceso da zona coa Autovía do Noroeste e con Sarria, incluído no POS e financiado ó 100% pola Deputación xa que “o PP suprimiu a achega estatal a esta programación” - O  organismo provincial aforra 137.500 euros a Palas de Rei, Xove, Sober e Quiroga co seu Plan Enerxético, asumindo a totalidade de custes “a diferenza da programación da Xunta, que obriga ós municipios a facerse cargo do 30% dos gastos”

A Xunta de Goberno deste luns aprobou o proxecto de mellora da estrada As Nogais-Torés-Armesto, dotado de 624.400 euros. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que se tratan dunhas actuacións do Plan de Obras e Servizos para 2014 (POS), que a Deputación financia en solitario, “posto que o Goberno central do Partido Popular recortou a cero euros a achega estatal a esta programación”.

Martínez destacou que “con estas actuacións melloramos as comunicacións da Montaña coa A-6, posto que esta vía é o principal acceso dende As Nogais e Becerreá con a Autovía do Noroeste. Ademais, tamén é a estrada que une a zona con Sarria, polo que rexistra un grande número de usuarios. Pola contra, as vías da Xunta, que conectan a Montaña con Triacastela ou Sarria están totalmente abandonadas e sen previsión de mellora”, indicou.   

A institución mellorará 5,5 quilómetros. Concretamente, dende o punto quilométrico 0,500 ó 3,600, en Becerreá; e dende o 3,600 ó 6,000, nas Nogais. As actuacións que realizará consistirán na mellora do firme con aglomerado en quente, eliminación de curvas perigosas, incremento do ancho da calzada, pasando dos 4,30 metros ós 7,20 metros, e sinalización horizontal e vertical.

Plan Enerxético
A sesión acordou a adxudicación de novo material enerxético para Palas de Rei, Xove, Sober e Quiroga. O voceiro provincial socialista explicou que se tratan dunhas actuacións do Plan Enerxético da Deputacion, que aforra a estes Concellos 137.500 euros. “Facémolo ó asumir a totalidade de custes, a diferenza do plan da Xunta, que obriga ós municipios a desembolsar o 30% dos gastos”, remarcou.

O aforro de 137.500 euros a estes 4 Concellos que acada Deputación distribúese do seguinte xeito:

- 40.000 euros coas auditorías enerxéticas, que non tiveron que pagar as entidades locais, posto que as realizaron técnicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación.

- 82.300 euros coa compra e instalación de case 1.100 novos compoñentes, contrato que se aprobou hoxe con fondos europeos da Deputación.
- E 15.200 euros, que é a cantidade na que estes municipios verán reducida a súa factura anual pola luz. (3.800 euros de aforro para Palas de Rei; 2.900 euros para Xove; 6.100 euros para Sober; e 2.400 euros para Quiroga).

Tal e como solicitaron os propios Concellos, o organismo provincial levará este material ó alumeado público e ó centro sociocultural de Palas de Rei, son 293 lámpadas de baixo consumo para ditas dotacións públicas municipais. En Xove, instalaranse outros 131 compoñentes, tamén no centro sociocultural e alumeado público. En Sober, 195 lámpadas de baixo consumo no alumeado público. E en Quiroga, 475 compoñentes no consistorio, centro sociocultural e alumeado público.