Deputación de Lugo

Aberta a solicitude para as 800 prazas gratuítas do Lugoteando da Deputación

- A inscrición para as actividades terrestres e acuáticas, dirixidas a persoas de todas as idades e que terán lugar en 8 Concellos, pode facerse en www.deputacionlugo.gal ou no 982-26-01-47, canles nos que se atopará máis información- O calendario, que arranca o sábado no Valadouro, desenvolverase durante agosto e setembro no Incio, A Pobra do Brollón, Burela, Guitiriz, Vilalba, A Fonsagrada e Lugo- Surf, paddle surf, bananas acuáticas, segways, sea scooter, skates a motor, paseos en canóa, patinetes acuáticos, longskate, simuladores de surf...son algunhas das actividades, todas a custe cero para os participantes

Aberto o prazo para as 800 prazas gratuítas da 5ª edición do Lugoteando, a iniciativa que ofrece actividades lúdicas e deportivas para persoas de todas as idades e en todas as zonas da provincia, coas que a Deputación potencia o medio natural para xerar riqueza. Os interesados poden apuntarse a través de www.deputacionlugo.gal ou no 982- 26-01-47, canles nos que atoparán máis información. Os menores de idade terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que se poden descargar na web.

Lugoteando leva actividades terrestres e acuáticas á zona centro, ós Concellos de Lugo, Guitiriz e Vilalba; á Costa, O Valadouro e Burela; á zona sur, O Incio e A Pobra do Brollón, así como á Montaña luguesa, á Fonsagrada. Por exemplo, surf, paddle surf, bananas acuáticas, segways (transporte lixeiro de dúas rodas con motor eléctrico), sea scooter (pequeno motor con hélices que permite mergullarse con facilidade), skates a motor, paseos en canóa, patinetes acuáticos, longskate, simuladores de surf...

O calendario, que arranca este sábado no Valadouro, é o seguinte: 

  • 9 de agosto: O Valadouro, no recinto feiral.
  • 16 de agosto: O Incio, no embalse.
  • 17 de agosto: A Pobra do Brollón, na praia fluvial.
  • 23 de agosto: Burela, na praia urbana.
  • 29 de agosto: Guitiriz, na praia fluvial de Parga.
  • 5 de setembro: Vilalba, no complexo da Magdalena.
  • 7 de setembro: A Fonsagrada, na Praza do Concello.
  • 6 e 7 de setembro: Lugo, na área recreativa de Los Robles.

Hai 100 prazas, a custe cero, en cada un dos municipios.

4.000 persoas

Esta programación da Deputación naceu xa hai cinco anos e está cofinanciada nun 80% por fondos europeos do Lug02. Unhas 4.000 persoas de toda Galicia participaron nas pasadas edicións do Lugoteando, confirmando que o ocio medioambiental e o aproveitamento lúdico dos recursos fluviais e litorais, son algunhas das maiores oportunidades económicas da provincia. A través desta iniciativa desestacionalízase o turismo e ofrécese unha nova alternativa para impulsar a economía. Hai que ter en conta que o feito de reunir a centos de persoas, contribúen a potenciar os negocios da zona de distintos sectores –hostalería, gastronomía, deportes e multiaventura...-, mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a frear a sangría demográfica para fixar poboación.