Deputación de Lugo

Éxito de convocatoria dos II Sábados Artesáns cunha participación de máis de 200 persoas

- A Deputación colabora con esta iniciativa organizada pola Asociación de Artesáns Terras de Lemos, o Centro do Viño da Ribeira Sacra e o Concello de Monforte- Un obradoiro de coiro pechou hoxe estas xornadas que se celebraron durante todos os sábados de agosto no Claustro do Centro do Viño- O CENTRAD achegou 12 artesáns a esta cita que pon en valor a artesanía típica da provincia e contribúe a dinamizar a economía local

Máis de 200 persoas participaron na 2ª edición dos Sábados Artesáns, un proxecto organizado pola Asociación de Artesáns Terras de Lemos, o Centro do Viño da Ribeira Sacra e o Concello de Monforte, coa colaboración do organismo provincial. Esta iniciativa conxunta, ofreceu todos os sábados do mes de agosto demostracións de artesanía en vivo, abertas ó público e gratuítas, nas instalacións do Centro do Viño.

Un obradoiro dedicado ó coiro pechou hoxe os II Sábados Artesáns. Fernando Peña Novo e José Ramón LLeó encargáronse, de 11:00 a 14:00 horas no Claustro do Centro do Viño, de ensinarlle ós participantes como se traballa ese material.

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación achegou a 12 artesáns a esta cita, a maioría da Ribeira Sacra, para demostracións en vivo de distintas disciplinas artesáns: téxtil, madeira, cerámica, cestaría e coiro. Fíxoo dentro da súa aposta de pór en valor a artesanía típica da provincia, o que contribúe a dinamizar a economía local.

A primeira cita, dedicada ó téxtil, correu a cargo de Dolores López Vázquez, Pilar Rodríguez Gonda, Susana Ares Rosende e María José Vila González; especialistas, respectivamente, en pintura en tea, lá, bordado creativo e encaixe de bolillos. Na segunda xornada tivo lugar unha talla en madeira en vivo levada a cabo por Mónica Rodríguez Vázquez e José Luis García Moreira. O terceiro sábado foi a quenda dos artesáns da cerámica: Amparo Scrich Albentosa e Otilia Arias. A cestaría foi o campo no que versou a cuarta xornada, cuxa exhibición correu a cargo de Lola Tourón e María Otero.