Deputación de Lugo

O Barco Muralla da Deputación recala esta fin de semana en Guitiriz

Imaxe deputación de lugo
- A aula turística e ambiental estará o sábado 26 e o domingo 27 en Guitiriz, logo da súa visita no Incio - O Barco da Deputación visitará máis de 70 localidades luguesas ó longo do verán dando conta da riqueza natural da provincia- Máis de 50.000 persoas visitaron o Barco Muralla dende a súa posta en marcha no 2010

O Barco Muralla da Deputación recala esta fin de semana no Concello de Guitiriz. Durante o sábado 26 e o domingo 27 o barco estará neste Concello para dar conta da riqueza natural e medioambiental da provincia. Esta iniciativa, enmarcada dentro do programa Lugo2 do organismo provincial, cofinanciado nun 80% polos fondos FEDER, recorrerá ó longo do verán máis de 70 localidades de toda a provincia. Dende o 2010, ano no que naceu o proxecto, máis de 50.000 persoas visitaron xa o Barco da Deputación.

A aula móbil Barco Muralla de Lugo achegará información sobre todos os tesouros naturais e desenvolverá talleres didácticos relacionados co patrimonio natural do territorio, en todas as localidades que visite no seu percorrido. Como novidade este ano incorpora algunhas degustacións puntuais de produtos autóctonos elaborados en Lugo e por produtores lucense, co fin de dar a coñecer o bo traballo e a calidade das materias primas producidas aquí. O seu interior está dotado con ordenadores e todo tipo de información medioambiental para que as persoas que alí se acheguen comprendan mellor o espazo e riqueza natural da provincia. Ademais, nel pódense atopar redes, timóns, brúxulas, nasas, luces, salvavidas, barómetros, equipos de localización de buques, radio balizas de pesca ou balsas hinchables de salvamento orixinais, e que no seu día se empregaron no traballo realizado en barcos mariñanos.

A Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade

O Barco Muralla de Lugo servirá tamén como vehículo para difundir a beleza e riqueza paisaxística e produtiva da Ribeira Sacra entre os seus visitantes, así como promover a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, levando polas distintas localidades que visite o libro de sinaturas da candidatura. O obxectivo é continuar así co compromiso do organismo provincial para que este espazo natural obteña a distinción internacional da Unesco.  A institución luguesa iniciou en outubro do pasado ano unha campaña de recollida de sinaturas, á que xa se sumaron miles de cidadáns, así como institucións e empresas galegas.