Presentada a primeira ducia de solicitudes para optar ós bens do San José, que a Deputación cede gratis
- Ata o 30 de agosto, institucións e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro poden presentar solicitudes no Rexistro do Pazo Provincial ou envialas por correo ordinario
- No departamento provincial de Patromonio, situado en San Marcos, pódese consultar o inventario e fotos dos bens. Tamén é posible ver o material no San José con previa solicitude
En só catro días, unha ducia de asociacións lucenses presentou as súas solicitudes para optar ós bens mobles do San José, que a Deputación cede gratis para o seu aproveitamento público e social. A institución luguesa tamén contribúe, deste xeito, ó desenvolvemento da actividade dos colectivos que finalmente resulten beneficados.
Presentaron as súas solicitudes asociacións sociais e veciñais cunha ampla actividade, baseada no coidado de maiores, persoas con discapacidade ou na organización de variadas citas en impulso de sectores produtivos da provincia, como a agricultura, gandeiría, pesca, comercio ou o turismo, que dinamizan a economía.
Trátanse das primeiras peticións que recibe o organismo provincial dende a posta en marcha deste concurso público. Ata o 30 de agosto, institucións e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro poden presentar as súas solicitudes no Rexistro do Pazo de San Marcos, de 09:00 a 14:30 horas. Tamén poden envialas por correo ordinario.
No departamento provincial de Patrimonio, situado no Pazo de San Marcos, poden consultar o completo inventario dos bens existentes no San José, xunto coas súas fotografías. O horario de atención é de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas. Con previa solicitude na institución, tamén poden visitar as instalacións do San José para ver o material desexado.
O organismo provincial creará unha Comisión de Seguimento para avaliar as propostas presentadas. No caso de concorrer intereses sobre os mesmos bens, celebrarase un sorteo testemuñado polos propios interesados. Excluirase do sorteo, a aqueles que xa se fixeran co 20% dos bens incluídos na súa solicitude, co fin de beneficiar ó maior número de colectivos.