Deputación de Lugo

Máis dun milleiro de veciños fixo achegas ós orzamentos da Deputación nas xuntanzas celebradas nos 9 partidos xudiciais

- Fomento de emprego, infraestruturas e políticas sociais foron as áreas maioritariamente elixidas polos lucenses nas asembleas celebradas na Fonsagrada, Viveiro, Chantada, Vilalba, Sarria, Monforte, Becerreá, Mondoñedo e Lugo
- Os veciños dos 67 Concellos da provincia poden seguir participando ata o 10 de setembro na elaboración dos presupostos a través da web www.orzamentosparticipativos.org
- Unha comisión técnica da Deputación realizará despois un informe sobre a viabilidade das propostas ou estudará a colaboración con outras administracións

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, avanzou este mércores que máis dun milleiro de veciños fixeron as súas propostas ós orzamentos participativos do organismo provincial para 2015 durante as xuntanzas participativas que tiveron lugar nos 9 partidos xudiciais: Fonsagrada, Viveiro, Chantada, Vilalba, Sarria, Monforte, Becerreá, Mondoñedo e Lugo. Houbo representantes de máis de 500 colectivos veciñais da provincia, así como cidadáns a título individual. Os veciños dos 67 Concellos lugueses poden seguir participando ata o 10 de setembro a través do portal www.orzamentosparticipativos.org.

Todas as xuntanzas foron conducidas polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado por García Porto e polo Deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, quen contestaron a todas as propostas e peticións dos veciños na propia asemblea. “A experiencia foi moi satisfactoria e enriquecedora. Vimos que a xente ten un amplo sentido da responsabilidade e aprecia este esforzo de transparencia”, recalcou a Deputada.

A de Lugo, celebrada no Salón de Actos da Deputación, foi a que contou cunha maior afluencia de veciños, ó atraer a unhas 350 persoas, aínda que as 8 restantes xuntanzas tiveron tamén un amplo seguimento, con entre 60 e 160 asistentes.

“De entre as doce áreas que podían valorar –nas que está divido o Goberno provincial- as marcadas maioritariamente como prioritarias foron o fomento de emprego, infraestruturas e políticas sociais”. García Porto destacou que as limitacións da Lei de Montes foi unha das cuestión recurrentes nas xuntanzas, igual que a necesidade de políticas conxuntas para combater o grave despoboamento que sofre a provincia, sobre todo no medio rural; aproveitar o medio ambiente, o sector primario e os produtos autóctonos como xeradores de recursos económicos; potenciar o turismo, a Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago; e dotar ou mellorar infraestruturas sociais, como residencias da terceira idade, e culturais e deportivas, como locais veciñais, pavillóns deportivos, campos de fútbol... As redes de abastecemento e saneamento centraron tamén unha gran parte das intervencións.

Esta iniciativa pioneira entre as Deputacións españolas recibiu os parabéns de numerosos veciños, que, ó mesmo tempo, reclamaron que se profundice e mellore na mesma en vindeiros anos, e que outras administracións tomen exemplo e tamén a fagan súa. Valoraron así mesmo que, coa celebración das xuntanzas, a Deputación reivindicase o mantemento dos partidos xudiciais da provincia.

Cales son os seguintes pasos?
En base ó manifestado polos cidadáns nas xuntazas participativas, no portal web www.orzamentosparticipativos.com e nas redes sociais, durante o mes de setembro unha comisión técnica da Deputación, integrada por traballadores públicos, realizará un informe sobre a viabilidade das propostas, deseñará os plans de actuación, determinará a dispoñibilidade orzamentaria e estudará as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno provincial, entre en vigor o orzamento do 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.

Máis de medio ano de traballo
A Deputacion leva dende finais do ano pasado traballando no orzamento participativo 2015, “un proxecto complicado e longo, posto que non hai precedentes”, destacou García Porto. Só existe unha única experiencia piloto na Deputación de Guipúzcoa, que someteu á participación cidadá unha pequena parte do seu presuposto, 500.000 euros, e nun determinado territorio. Pola súa banda, as Deputacións de Málaga e Barcelona impulsaron presupostos participativos en Concellos das súas provincias, pero non fixeron participativo o seu propio orzamento. “Polo tanto, a de Lugo é a primeira Deputación en España que somete á participación cidadá e a debate a totalidade do seu presuposto”, remarcou.

Dende finais do ano pasado, o organismo provincial avanzou neste proxecto totalmente novidoso, facendo investigacións e avaliacións para garantir a súa viabilidade e legalidade xurídica. A Deputada explicou que “mantivemos conversas con institucións como a Deputación de Guipúzcoa, que levou a cabo dito proxecto piloto; coa Xunta de Andalucía, posto que é a Comunidade Autónoma de España na que máis municipios incorporaron presupostos participativos; así como cos Concellos de Sevilla, Málaga ou Córdoba, onde houbo algunha experiencia”. Ademais, consultou este proceso con destacados expertos como Fernando Pindado, que foi subdirector xeral de Participación Cidadá da Generalitat de Cataluña e impulsou varias experiencias neste eido a nivel autonómico, estando no Goberno José Montilla; Antonio Carrillo Cano, que colaborou na elaboración da Lei de Participación Cidadá da Xunta de Andalucía; Francisco Francés, profesor da Universidade de Alicante e un dos autores do libro máis completo e actual sobre presupostos participativos en España: El círculo virtuoso de la democracia: los presupuestos participativos a debate; así como con outros profesionais da plataforma presupuestosparticipativos.com ou da consultora galega Cidadanía. Da mesma forma, “acadamos a colaboración da Confederación Galega de Asociacións de Veciños (COGAVE) e enviamos cartas e mailings a todos os colectivos da provincia, na procura da máxima participación cidadá no noso proxecto”.