Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a Ribeira Sacra coa posta en valor do complexo de Augas Mestas

- A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de rehabilitación e o prego de condicións do concurso público para a concesión destas instalacións provincias durante 25 anos - O Presidente remarcou que “resolvemos outro problema herdado, pois Augas Mestas leva máis de 10 anos sen actividade, dándolle a este complexo un verdadeiro uso público e ofrecendo unha resposta longa no tempo” - Actuarase con 400.000 euros nas case 10 hectáreas de Augas Mestas, unhas instalacións que se centrarán na promoción dos recursos turísticos, naturais ou produtos autóctonos da Ribeira Sacra, así como no impulso da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Turismo, Mario Outeiro, acompañados polo Deputado de Goberno Interior e Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, e o Concelleiro de Festas de Quiroga, José Luis Rivera; presentaron este venres o proxecto de rehabilitación de Augas Mestas e o prego de condicións que rexerá o concurso público da súa concesión, que hoxe mesmo aprobou a Xunta de Goberno Provincial. Gómez Besteiro remarcou que “resolvemos outro problema herdado, pois Augas Mestas leva máis de 10 anos sen actividade, poñendo en valor estas instalacións en impulso da Ribeira Sacra e da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. Damos a este espazo un verdadeiro uso público. Ofrecemos, ademais, unha resposta longa no tempo, pois a concesión será durante 25 anos”.

Mario Outeiro destacou que “converteremos Augas Mestas nun referente turístico da Ribeira Sacra, en beneficio da economía da provincia”. Sotuela destacou que “cremos no potencial de Augas Mestas para impulsar a zona Sur” e Rivera apuntou que “este proxecto favorecerá ó Concello de Quiroga e, en xeral, a toda a Comarca de Lemos, polo que agradecemos á Deputación a posta en valor destas instalacións”.   

O proxecto de rehabilitación implica a posta ó día deste complexo, adaptándoo á normativa vixente en canto accesibilidade ou prevención de incendios; así como a mellora do conxunto de instalacións que o integran: do edificio principal, onde se atopa a cafetería e os vestiarios; das dúas piscinas para adultos e nenos; da zona de camping, coa reparación do edificio de recepción, das parcelas e dos catro bungalows de madeira; así como da zona de aloxamento para o inverno, coa recuperación doutras tres edificacións. É dicir, actuaranse nas case 10 hectáreas de Augas Mestas e nos máis de 800 metros cadrados construídos. 

O orzamento destas actuacións é de case 400.000 euros, dos que a Deputación inviste, directamente, 93.000 euros de fondos propios e a concesionaria adiantará 306.000 euros. Desta cantidade descontaránselle 180.000 euros, posto que durante 10 anos non terá que pagar canon. A partires de 2025, aboará 18.000 euros anuais.  

O Presidente adiantou que se porán en marcha as obras entre setembro e outubro, unha vez resolto o concurso público da concesión durante de 25 anos, tal e como recolle o prego de condicións aprobado hoxe e que, nos vindeiros días, se publicará no Boletín Oficial da Provincia, abrindo un prazo de 10 días naturais para a presentación de ofertas.

Criterios de valoración
Os criterios de valoración que se terán en conta para a concesión son os seguintes:

1º CRITERIO.- O prazo da posta en marcha das instalacións. Para elo, establécense uns prazos máximos para o remate das obras co obxectivo de que estén finalizadas no verán de 2015. Estes son os seguintes: zona de piscinas: 9 meses, dende a data da concesión; zona de camping: 6 meses, dende a data da concesión; zona de aloxamentos para o inverno: 12 meses, dende a data da concesión; e zonas comúns: 2 meses, dende a data da concesión.

2º CRITERIO.- Maior investimento nas instalacións a maiores das contempladas no proxecto.

3º CRITERIO.- Plan de actividades complementarias. Valoraranse as propostas que se realicen, a maiores dos servizos de hostalería ou aloxamento, en impulso dos recursos medioambientais da Ribeira Sacra e da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade.

4º CRITERIO.- Promoción de “Los Productos de Lugo”, é dicir, dos establecementos que integran a 1º plataforma de comercio electrónico na provincia, en especial os relacionados coa Ribeira Sacra.

5º CRITERIO.- Canon. Establécese un canon anual de 18.000 euros, que se comezará a aboar a partires da undécima anualidade, é dicir, no 2025.