Deputación de Lugo

Xunta de Galicia e Deputación de Lugo asinarán un convenio de 6,87 millóns de euros para a ampliación e mellora de camiños de titularidade municipal da provincia lucense

Imaxe deputación de lugo
O Goberno autonómico xestionará 5,2 millóns de euros de fondos propios e fondos Feader, o Goberno provincial achegará 741.938 euros e o Ministerio de Agricultura contribúe con 832.529 euros

Os concellos da provincia de Lugo beneficiaranse de máis de 6,87 millóns de euros para a ampliación, mellora e mantemento de camiños de titularidade municipal para as anualidades 2014-2015. Este ano o Plan Marco, impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, inclúe como novidade que unha parte da cofinanciación será aportada polas deputacións provinciais.

Deste xeito, a consellería e a Deputación Provincial de Lugo asinarán un convenio de colaboración para a execución desta iniciativa de dinamización do rural, segundo o cal a Xunta xestionará 5.288.922 euros procedentes de fondos propios e fondos Feader e a Deputación de Lugo achegará 741.938 euros, mentres que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente contribúe con 832.529 euros.

Así, logo de consensuar os criterios de reparto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a nova cofinanciación do Plan Marco distribuirase de xeito que o 75% irá con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio aportará un 12,13% dos fondos e a Xunta e as deputacións provinciais o 12,87% restante.

Os concellos beneficiarios das achegas serán os encargados do pagamento do Imposto do Valor Engadido (IVE). Este reparto amosa a colaboración ordenada de todas as Administracións, baixo a coordinación da Xunta de Galicia.

Plan Marco

O seu obxectivo principal é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas, e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.

O feito de que todos os concellos da nosa comunidade poidan dispor duns fondos preestablecidos para a mellora da súa rede viaria resulta fundamental despois dun inverno que provocou estragos nos camiños de titularidade municipal.