Deputación de Lugo

Deputacións de Lugo e Ourense achegan 100.000 euros ó estudo técnico que permitirá a elaboración da candidatura da Ribeira Sacra

- Os organismos provinciais de Lugo e Ourense financian ó 50% os traballos técnicos que realizará un equipo multidisciplinar de expertos de recoñecido prestixio, que coordinará o Valedor do Pobo - O resultado deste estudo, xunto ós documentos que poidan ser complementarios, conformarán a candidatura da Ribeira Sacra. Esta enviarase á Xunta para que lla traslade ó Ministerio de Cultura quen, finalmente, deberá presentala ante a UNESCO - Tras conseguir 10.000 sinaturas e sumar o apoio de 51 establecementos de GADIS, así como das 12.000 mulleres de FADEMUR, a Deputación de Lugo leva esta fin de semana a súa campaña de sensibilización cidadá ó I Trofeo da Ribeira Sacra da Subida a Chantada

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, xunto ó Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez, asinaron este venres o convenio de colaboración mediante o cal os organismos provinciais achegan 100.000 euros, financiados ó 50%, para a realización do estudo técnico que permitirá a elaboración da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Un equipo multidisciplinar, coordinado polo Valedor do Pobo, será o encargado de realizar estes traballos. Serán expertos de recoñecido prestixio nas seguintes áreas temáticas: produción agrícola e formas de cultivo, xeografía física, edafoloxía, botánica, patrimonio cultural e produción vitivinícola. O obxecto de estudo axustarase ás determinacións técnicas que establecen as “Directrices Prácticas para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial” e ás que fixe a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. A Xunta de Galicia designará a técnicos especializado para o asesoramento. 

En base ó resultado destes traballos técnicos, xunto ós documentos que poidan ser complementarios, conformarase, posteriormente, a candidatura da Ribeira Sacra, que deberá atender ós seguintes obxectivos: definir claramente a delimitación do ben proposto; describir o ben; delinear a súa historia; enunciar o seu significado e porque se acredita que demostra ter “Valor Universal Excepcional Potencial”; xustificar que o ben pode satisfacer un ou más criterios das “Directrices Prácticas para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial sobre o valor Universal Patrimonial”; expor o seu estado de conservación; apuntar como a longo prazo vai ser mantido e salvagardado por medio da protección legal e a xestión dos seus recursos; e deseñar como vai a ser presentado ou interpretado o seu valor ós visitantes ou outras persoas interesadas.

Unha vez elaborada a candidatura da Ribeira Sacra, esta será enviada á Xunta para que, a súa vez, lla traslade ó Ministerio de Cultura quen, logo da súa aprobación polo Consello do Patrimonio Histórico Español, deberá presentala ante o Comité do Patrimonio Mundial. 

Campaña de sinaturas
A Deputación de Lugo iniciou en outubro do pasado ano unha campaña de recollida de sinaturas para sumar apoios á candidatura da Ribeira Sacra, sendo máis de 10.000 as persoas que asinaron nos libros oficias da UNESCO. Un autobús rotulado coa Ribeira Sacra iniciou na capital luguesa o seu percorrido pola provincia, dando conta da riqueza deste espazo e recompilando apoio. Precisamente, esta fin de semana estará en Chantada con motivo do I Trofeo da Ribeira Sacra da Subida a Chantada.

O organismo provincial tamén sumou a GADIS e FADEMUR na súa campaña. Deste xeito, 51 establecementos de GADIS en Lugo e Ourense contan con libros oficiais da UNESCO. As máis de 12.000 mulleres de toda Galicia que integran FADEMUR incorporaron esta iniciativa na campaña Son de campo, coa que pretende visualizar a produción rural.  

Da mesma forma, a institución luguesa convidou ós 67 Concellos lugueses e a centos de colectivos da provincia, ós que enviou o modelo de adhesión ó convenio a finais do pasado ano, a participar nesta iniciativa; ó tempo que o publicou na súa web, www.deputacionlugo.org, o modelo de adhesión, para que todos os interesados poidan adherirse en calquera momento.