Deputación de Lugo

As xuntanzas da Deputación cos veciños para elaborar os orzamentos participativos continúan mañá en Becerreá

Imaxe deputación de lugo
- A asemblea terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura, e están convocados os 9.900 veciños maiores de 16 anos empadroados nos Concellos de Becerreá, Baralla, Cervantes, As Nogais, Pedrafita e Triacastela - As xuntanzas nos partidos xudiciais rematan esta semana coas de Mondoñedo, o mércores, e Lugo, o xoves- Os veciños dos 67 concellos da provincia poden participar ata o 10 de setembro na elaboración dos presupostos a través da internet, en www.orzamentosparticipativos.org

As xuntanzas cos veciños organizadas pola Deputación de Lugo en todos os partidos xudiciais da provincia para elaborar os orzamentos participativos do 2015 continúan mañá en Becerreá. A asemblea terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura e están convocados os 9.900 veciños maiores de 16 anos empadroados no concello becerrense e nos de Baralla, Cervantes, As Nogais, Pedrafita e Triacastela.

Os encontros veciñais rematan esta semana cos de Mondoñedo, que terá lugar o mércores, ás 19:30 horas na Casa da Xuventude, e Lugo, que se celebrará o xoves, á mesma hora, no salón de actos da Deputación.

As xuntanzas desenvólvense do seguinte xeito:
- Dase conta do contexto xeral do orzamento da Deputación (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda); e faise un balance sobre a relación do organismo provincial co partido xudicial correspondente.
- Ábrese un período de intervencións para que os cidadáns expoñan os problemas do seu Concello ou para que fagan propostas e suxerencias. Entréganse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opine e elixa cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base ás seguintes 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Elixirán un máximo de 3 áreas de actuación, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria.
- Finalmente, os veciños cubren ditas fichas, engadindo os datos persoais, e garantindo a súa protección, co fin de corroborar a identidade dos participantes. Para garantir esta premisa, na ficha incluirase unha declaración xurada, onde o cidadán manifesta que reside no municipio que indicou e que a súa participación é para dito Concello. Os cidadáns recibirán un resgardo oficial, acreditando a súa participación.

Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outra vía a través da Internet. Deste xeito, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden facer ata o 10 de setembro as súas aportacións no portal web www.orzamentosparticipativos.com independentemente de se se teñen celebrado ou non xuntanzas participativas no seu partido xudicial.

Os seguintes pasos

Ata o 10 de setembro, os veciños opinarán sobre as súas prioridades. En base ó que manifesten, unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno Provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.