Deputación de Lugo

A Deputación rende homenaxe á loita das Madres de la Plaza de Mayo e á emigración galega

- Gómez Besteiro recibiu este xoves a Taty Almeida, integrante da asociación Madres Plaza de Mayo Línea Fundadora e a Francisco Lores, presidente da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, que asinaron no Libro de Ouro da Provincia - O Presidente destacou a “incansable e exemplar traxectoria destas nais heroicas e loitadoras” e fixo público o seu recoñecemento aos emigrantes galegos que “adoptou” Arxentina - A Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina pediulle á Deputación que apoie a candidatura para que as Madres de la Plaza Mayo sexan Premio Nobel da Paz

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este xoves no organismo provincial a Taty Almeida, integrante da asociación Madres Plaza de Mayo Línea Fundadora e a Francisco Lores, presidente da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, que asinaron no Libro de Ouro da Provincia ao remate do acto. No acto tamén estiveron presentes Fabiana Almeida, coordinadora de Derechos Humanos de Cultura de la Nación; Carlos María Duhalte, consejero de Derechos Humanos de la Embajada de Argentina en España, e Roberto Gudiño, Cónsul de Arxentina en Galicia.

No acto, que contou coa presenza dos voceiros dos grupos políticos, Gómez Besteiro subliñou que o esforzo da asociación das Madres Plaza Mayo Línea Fundadora, que “traballa pola memoria non só dos seus fillos senón de todos os mártires da última ditadura en Arxentina”, é “o froito de case toda una vida de esforzada loita na busca por manter viva a verdade e xustiza a favor dos dereitos humanos”. O Presidente destacou “a incansable e exemplar traxectoria destas nais heroicas e loitadoras”, que levan preto de 40 anos reivindicando “coñecer que ocorreu cos seus fillos, que desapareceron a mans do aparato do Estado arxentino na época de represión militar”.

Nesta liña, Besteiro transmitíulles o compromiso da institución luguesa en sumarse ao propósito de la Madres de la Plaza de Mayo pola recuperación da memoria e a dignidade dos desaparecidos. “Son os vosos fillos, e son os nosos desaparecidos”, sentenciou.

Almeida agradeceu a acollida da Deputación, ao tempo que rememorou a historia da loita das Madres Plaza Mayo Línea Fundadora, que perseguen xustiza para os preto de 30.000 fillos detidos desaparecidos. Fixo fincapé nas bases da súa loita “pola memoria, pola verdade e pola xustiza. Esiximos xustiza legal”, reiterou.

Do mesmo xeito, Gómez Besteiro quixo recoñecer o “traballo incondicional” dos emigrantes galegos na Arxentina na figura do presidente da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, Francisco Lores. Pola súa banda Lores tamén agradeceu a conmemoración na institución luguesa e remontouse ao tempo no que a Federación acolleu ás Madres Plaza de Mayo e as apoiou na súa loita. “A dor é de todos, é universal”, remarcou Lores, quen definiu ás Madres Plaza de Mayo como “nais da humanidade”. Dende a Federación pediron que a Deputación apoie a candidatura para que as Madres Plaza de Mayo Línea Fundadora sexan Premio Nobel da Paz, da dignidade.

Ao remate do acto, o Presidente fixo entrega aos asistentes de cinco cestas de produtos autóctonos, como mel de flores, crema e bolachas de castañas, confituras de froitas, tartas e doces de améndoas, embutidos ou licores.