Deputación de Lugo

A Deputación ofrece 10 días de artesanía de calidade coa XVIII mostra Artesanfroilán 2014

- Regina Polín presentou esta cita, unha das máis rendibles de Galicia, que nas últimas convocatorias deixou beneficios de máis de 15 millóns de euros e un volume de negocio de máis de 100.000 euros - 20 artesáns lucenses, 4 das provincias de Pontevedra e A Coruña, e 1 de Madrid venderán pezas de xoiería, cerámica, coiro, cestería, téxtil, metalistería, maquetismo, ferraría, bixutería, lámpada decorativa, tornería, pintura, escultura e encaixe de bolillos - Artesanfroilán estará aberta dende este venres ao 12 de outubro na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez , en horario de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:30 horas. A entrada é de balde

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este mércores a XVIII edición de Artesanfroilán, a feira de artesanía que o organismo provincial pon en marcha, a través do Centro de Artesanía e Deseño, para promover o produto artesán lucense aproveitando a considerable afluencia de visitantes á capital durante os días de celebración do San Froilán, festa de Interese Turístico Nacional. A Deputación ofrece 10 días de artesanía de calidade –dende este venres ao 12 de outubro- na praza de Anxo Fernández Gómez, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas. A entrada é de balde. Para elo, o organismo provincial inviste en solitario preto de 38.500 euros.

Polín destacou que “coa organización do Artesanfroilán damos conta da riqueza artesanal non só lucense senón tamén galega, e difundímola ao exterior, ao tempo que apostamos polos oficios tradicionais como sinais de identidade e atractivo da provincia que xeran riqueza”. Nas pasadas convocatorias, esta cita “deixou beneficios de máis de 15 millóns de euros  e un volume de negocio de máis de 100.000 euros; oportunidade que non podemos deixar escapar para potencia un sector punteiro e un nicho de emprego que xera postos de traballo e fixa poboación no rural”, asegurou a Deputada.

25 “artesanfroilanistas”
Regina Polín avanzou que serán 20 os profesionais lugueses –Lugo (6), Viveiro (2), Quiroga (1), Mondoñedo (1), Vilalba (1), A Fonsagrada (2), Ribadeo (2), Monforte (1), Cospeito (1), Palas de Rei (1), Outeiro de Rei (1) e O Courel (1)-, os que exporán os seus traballos na carpa situada nesta praza situada a carón da Casa Consistorial, en pleno centro neurálxico do San Froilán. Estarán acompañados por 3 artesáns da provincia da Coruña, 1 da de Pontevedra e outro máis da comunidade de Madrid. Estes 25 mestres do artesán venderán pezas de xoiería, cerámica, coiro, cestería, téxtil, metalistería, maquetismo, ferraría, bixutería, lámpada decorativa, tornería, pintura, escultura e encaixe de bolillos.

Segundo explicou a Deputada, para a selección destes participantes, tal e como recollen as bases feitas públicas no pasado mes de agosto, tívose en conta a calidade do traballo dos artesáns aspirantes, ademais doutros criterios, como a sostenibilidade e a innovación do proceso produtivo, ou o respecto polo medio ambiente a través do emprego de materias e substancias de orixe natural. Tamén se valorou que estiveran representadas todas as disciplinas posibles e todas as comarcas da provincia. Así mesmo, primouse a procedencia lucense dos artesáns, quedando reservado o 80% dos stands para estes, malia que profesionais do resto de Galicia e España teñen cabida nesta mostra.

A Deputación concederá 3 premios diferentes ós mellores expositores: 600 euros para o primeiro, 300 para o segundo e 100 para o terceiro. Para elo, tal e como recollen as bases, avaliarase a presentación do produto, a orixinalidade na decoración do stand e o uso de materiais ecolóxicos e sostibles para mellorar a imaxe da mostra.

Unha das máis rendibles e a máis barata de Galicia
Artesanfroilán é a mostra máis barata de Galicia e unha das máis rendibles do sector, posto que os artesáns presentes só teñen que abonar unha pequena cantidade –uns 360 euros-, o que supón unha terceira parte do custe de participación noutras feiras de similares características para estar presentes nun encontro que conta con milleiros de visitas. Os profesionais do sector artesanal son perfectamente conscientes da ocasión e da oportunidade desta mostra, tal e como amosan as máis de 40 solicitudes achegadas por profesionais para esta convocatoria.