Deputación de Lugo

A Deputación rende sentida homenaxe a Díaz Castro

- Gómez Besteiro participou nos actos de recoñecemento ao “poeta místico que cantaba de xeito profundo, sentido e humano á sua terra”, desexando súa poesía “non caia no olvido e que siga vixente a súa memoria literaria e galeguista” - A inauguración dunha escultura de Ramón Vilar; a presentación do librode Xavier R. Barrio Fulguración e silencio, a proxección da curta A máquina tipográfica e interpretacións musicais foron algún dos actos celebrados na casa natal do poeta no Vilariño - Esta homenaxe súmase a outras iniciativas levadas a cabo polo organismo provincial para lembrar a Díaz Castro como a exposición Unha Insua para Díaz Castro ou A Ruta da Pedra

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou na homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro que a institución provincial organizou este martes en Guitiriz, en concreto na casa natal do poeta no Vilariño. Entre os actos programados nesta homenaxe estaba a inauguración dunha escultura en granito de Ramón Vilar. O Centro de Artesanía e Deseño confiou neste escultor e canteiro guitiricense para realizar a peza, que representa unha árbore en cuxas pólas descansa un libro, ademais doutros elementos decorativos e alegóricos, e na que está gravado un poema inédito de Díaz Castro.

A Deputación quixo agradecer o traballo do escultor facéndolle entrega dunha peza artística elaborada no CENTRAD e un diploma que o acredita como Artesán de Honra da Provincia de Lugo, que recibiu de mans de Gómez Besteiro.

O Presidente lembrou a figura de Díaz Castro, ao que definiu como “un poeta místico que cantaba de xeito profundo, sentido e humano á sua terra: Guitiriz, Os Vilares”, e avogou por  que a súa poesía “non caia no olvido, que siga vixente a súa memoria literaria e galeguista non só no ano que se lle adican as Letras Galegas, senón para sempre”.

Fulguración e silencio
O acto, no que tamén estivo presente a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, arrincou coa presentación do libro Fulguración e Silencio, do poeta lucense Xavier Rodríguez Barrio, que tamén asistiu á presentación. Esta obra literaria foi editada polo Centrad, cuxo  Obradoiro do Libro encargouse do deseño.

Outro dos momentos destacados da homenaxe foi a presentación dunha curtometraxe sobre a obra poética Nimbos, titulada A máquina tipográfica. Esta peza audiovisual, realizada por técnicos da Fundación TIC, é un conto didáctico no que un avó lles explica aos seus netos o método de impresión que se empregou para publicar esta obra no 1961, a única en vida de Díaz Castro. A interpretación dunha peza musical sobre o poema máis coñecido de Díaz Castro Penélope e a entrega de libros e DVD´s completaron as actividades deste acto de recoñecemento, “que pon en valor a cultura e a historia do lugués”, segundo destacou Polín.

Díaz Castro na memoria
Dentro das homenaxes á figura e obra “do poeta guitiricense, do poeta de Lugo, do que agora tamén é poeta de todos os galegos”, segundo sinalou Besteiro, que a Deputación puxo en marcha durante este ano 2014, ano no que o  Día das Letras Galegas estivo centrado na figura deste poeta guitiricense destaca Unha insua para Díaz Castro. Esta foi unha exposición multidisciplinar, que pretendeu transmitir ao visitante os motivos de inspiración do autor, o seu universo creativo e a súa terra natal. A Capela de Santa María acolleu esta mostra, que foi visitada por medio milleiro de persoas.

O organismo provincial tamén homenaxeou a Díaz Castro poñendo en marcha unha ruta de sendeirismo en Guitiriz inspirada na vida e obra do poeta. O roteiro, dunha lonxitude de preto de 6 quilómetros e de dificultade mínima, está marcada pola importancia da pedra e discorre por diferentes lugares do Concello de Guitiriz que gardan unha estreita relación co poeta.