Deputación de Lugo

Cuberto o 95% das 500 prazas gratuítas para participar nas actividades de Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
-A demanda foi tal que, ás poucas horas de abrir o prazo de inscrición, xa se pecharon máis do 50 % das actividades ofrecidas en Terras do Miño
-Aínda quedan prazas para a programación do Centro de Interpretación Casa das Insuas, que ofrece máis de 300 prazas gratuítas para participar en preto de 20 actividades diferentes
-Os interesados poden atopar na web www.deputacionlugo.gal toda a  información das actividades medioambientais, así como o formulario de inscrición

Cubertas o 95% as máis de 500 prazas para participar nas actividades gratuítas do Centro de Interpretación Terras do Miño que ofrece a Deputación de Lugo dende a Área de Medio Ambiente. O interese que espertou esta nova programación foi tal que, ás poucas horas de abrir o período de inscrición, cubríronse máis do 50% das actividades ofrecidas. Quedan prazas libres para as Xornadas de bioconstrución e Micoloxía. Nivel 2, así como para varias de Casa das Insuas.

Os interesados en participar na programación da Casa das Insuas poden atopar na web www.deputacionlugo.gal, máis información sobre as actividades gratuítas que ofrece a Deputación de Lugo, así como o formulario de inscrición.

Actividades variadas e para todos os públicos
O Centro de Interpretación Casa das Insuas ofrece, para este último trimestre do ano, unha programación de actividades composta por preto de 20 xornadas e obradoiros, nos que poderán participar máis de 300 persoas de xeito completamente gratuíto. Dentro das actividades, que poñen en valor a riqueza natural da provincia e os seus recursos, destacan xornadas de observación de réptiles e anfibios; construción de niños e comedeiros; sesións de voluntariado ambiental; xornadas de restauración de canteiras ou obradoiros sobre conservación de especies ameazadas.

Con esta iniciativa, a institución provincial ofrece aos lucenses unha alternativa lúdica que afonda no estudo e coñecemento do entorno natural da provincia, ao tempo axuda a difundir o patrimonio medioambiental. A través deste tipo de programación, a Deputación de Lugo busca, por unha banda, crear conciencia sobre a importancia que ten o medio ambiente e, por outra, establecer o medio como un dos motores de crecemento da provincia. Máis información en www.deputacionlugo.gal.