Deputación de Lugo

A Deputación insta á Xunta a reactivar a súa rede de banda longa en Baralla “e non deixar illado máis tempo ao Concello”

- Así llo reclamou hoxe Álvaro Santos Ramos, quen estivo no Concello xunto aos técnicos provinciais que continúan a traballar na recuperación dos servizos municipais na Casa do Concello canto antes - Os técnicos provinciais do InnovaTE xa instalaron a pasada semana os servizos tecnolóxicos necesarios para garantir a atención ao cidadán no Centro Sociocultural

A Deputación de Lugo instou hoxe á Xunta de Galicia a reactivar “sen tardanza” a súa rede de banda longa en Baralla, xa que a súa falta está a impedir o funcionamento do portelo único do Eido Local co que a día de hoxe o Concello non pode levar a cabo ningún tipo trámite coa administración autonómica. Así o reclamou hoxe o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos, que estivo no Concello xunto aos técnicos provinciais do InnovaTE que están a traballar nas instalacións municipais.

O Deputado, acompañado polo Director de Fondos Europeos do organismo provincial, Pablo Rivera, destacou a necesidade de que “a Xunta actúe coa maior dilixencia posible, reactivando a súa banda longa canto antes para que o Concello de Baralla non quede illado e paralizado”.

A Deputación de Lugo continúa a traballar en Baralla para facilitar a volta á normalidade administrativa e operativa. Tal e como anunciou onte o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, os técnicos provinciais do programa InnovaTE estiveron xa a pasada semana instalando as conexións e configurando os equipos tecnolóxicos necesarios para garantir a atención ao cidadán no Centro Sociocultural da localidade, onde están localizados de xeito provisional os servizos municipais.

Os técnicos da Deputación continúan actualmente traballando na supervisión do estado das instalacións na Casa Consistorial, gravemente afectada pola explosión dun artefacto o pasado día 2. A intención é recuperar o antes posible a normalidade nos servizos municipais.

O Concello de Baralla é un dos 49 Concellos lucenses adheridos ao InnnovaTE, un proxecto tecnolóxico posto en marcha pola Deputación e financiado nun 80% pola Unión Europea, que permitiu que os veciños deste Concello dispoñan de acceso á administración electrónica ou sen papeis, de varios puntos de acceso wifi libre e gratuíto na Casa Consitorial e en prazas públicas, o que lle supuxo á entidade local un aforro conxunto duns 340.000 euros.