Deputación de Lugo

O autobús de apoio á Ribeira Sacra volta a Lugo polo San Froilán con máis de 40.000 sinaturas

- O autobús rotulado da campaña permanecerá na Praza Cantiño Nemesio Cobrero dende hoxe ata o domingo, cando se agarda a visita de milleiros de visitantes
- As persoas que desexen asinar no libro oficial da UNESCO poden facelo achegándose en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Alí atoparán material informativo e promocional da Ribeira Sacra
- O autobús compartirá explanada co Barco Muralla, a aula lúdico-medioambiental da Deputación, a bordo da que tamén viaxan os libros oficiais da UNESCO

O autobús rotulado da Deputación de Lugo para recoller sinaturas de apoio á delcaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humaidade volta a Lugo polo San Foilán, unha festa de Interese Turístico Nacional que atrae a milleiros de visitantes. Faino tras visitar o San Froilán de Barcelona o pasado fin de semana, onde acadou máis de 1.000 sinaturas.

O autobús permanecerá na Praza Cantiño Nemesio Cobrero, detrás do vello cárcere, dende hoxe ata o domingo. As persoas que desexen asinar no libro oficial da UNESCO poden facelo achegándose a esta explanada en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Ademais de deixar a súa sinatura, poderán atopar material promocional da campaña e información sobre as terras da Ribeira Sacra.

Esta semana cúmprese un ano dende a posta en marcha da campaña, tempo no que xa se levan rexistradas máis de 40.000 sinaturas, o que amosa o éxito da iniciativa emprendida pola Deputación de Lugo.

Un espazo íntegro para a Ribeira Sacra
O autobús compartirá espazo co Barco Muralla, a aula lúdico medioambiental e turística da Deputación, financada nun 80% por fondos europeos a través do programa Lug02. A bordo do Barco viaxan tamén os libros oficiais da UNECO, nos que todos os que o desexen tamén poderán deixar a súa sinatura en apoio á candidatura da Ribeira Sacra, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.  Do mesmo xeito, a aula ofrece material informativo acerca da riqueza medioambiental da provincia, así como dos produtos autóctonos.